Cuba, pinkwashing e o azoute imperialista

Precisamos deconstruir o relato mainstream que nos filtran os medios de comunicación de masas.

> Ángel Amaro. A quince días da partida física do comandante Fidel Castro moitas lendas e intoxicación mediática se volve a difundir en relación á presunta LGTBIfobia da revolución cubana. Vémonos inundad*s por un sinfín de sesgos torcidos, descontextualización, invención de datos, manipulación macabra e cero interese por analizar e comprender con serenidade e cunha óptica internacionalista  os avances históricos e retos pendentes da axenda sexodiversa na illa caribeña. Dende Galiza non podemos ser inxenu*s ao respecto da versión oficial que se vende dende Occidente. Precisamos deconstruir o relato mainstream que nos filtran os medios de comunicación de masas.

O bloqueo informativo e a guerra mediática actúan sempre con moita virulencia neste eido xa que o debate LGTBI é un campo de batalla onde o capitalismo patriarcal saca moita tallada. Empregar a realidade LGTBI como arma arroxadiza contra un estado antiimperialista non é unha recente táctica neocolonial, xa leva perfeccionándoa fai máis dunha década o Estado de Israel montando Orgullos en territorios ocupados, acudindo a Eurovisión mentres bombardea Gaza ou promovendo cruceiros gais mentres impide a que a Flotilla da Liberdade rache co bloqueo sionista. En definitiva, checkpoint e cancaneo neoliberal van da man ao mesmo tempo faguendo gala dun sadismo sinfín. Ben sabemos que a hipocrisía patriarcal e o imperialismo resultan ser unha combinación camaleónica mortal cuxa bandeira se reduce ao de sempre: inxerencia, anticomunismo e odio a un contexto multipolar.

No activismo sexodiverso anticapitalista chamámoslle ‘pinkwashing’ á guerra sucia que practican os estados neoliberais contra o estado veciño non alineado co Imperio. Repártense carnets en relación a quenes son ou deixan de ser os mellores aliados “gaifriendly”. Cinismo en estado puro e unha lóxica neocolonial sanguinaria que únicamente busca desestabilizar proxectos emancipatorios que cuestionen ou atenten o tándem UE-OTAN. Desta maneira calquer pobo antiimperialista é tachado a priori de LGTBIfóbico e enunciado como inimigo da comunidade sexodiversa. Créase unha imaxe distorsionada en base a un relato ficticio para que despois o ‘capitalismo rosa’, o pinkwashing e certos sectores LGTBI neoliberais continúen co traballo imperialista: desestabilizar, practicar inxerencia e promover o bloqueo informativo para que non se coñeza realmente a realidade social que se está a vivir. 

Non se fala da terríbel situación na que viven as persoas LGTBI en Turquía, Marrocos, Arabia Saudí ou Catar. Mais tampouco se fala dos avances en materia LGTBI que viviu Venezuela, Nicaragua, Bolivia ou Cuba. Xa sabes, se és un socio preferente da UE-OTAN a maquinaria do ‘pinkwashing’ non actuará contra ti, mais se non lle bailas a auga a axenda imperialista… teralo moi complicado para sacarte o sambenito de antiLGTBI.

No caso da República de Cuba hai unha infinidade de historias, relatos e ciencia ficción que non se sostén por ningures. Na opinión pública está moi extendida a idea de que na illa existen LGTBI desaparecid*s, exiliad*s, fusilad*s, LGTBIfobia de estado… vamos, todo mentira. Que durante uns anos complicados -ao comezo da Revolución- houbo certos erros? Xa o recoñeceu o propio Fidel no 2010 en sendas entrevistas. Mais isto non quere dicir que estemos ante crímes contra a humanidade nin ante unha LGTBIfobia de estado practicada dende as estruturas da República. O pinkwashing quere que esquezamos que a revolución entrante herdou un patriarcado recalcitrante onde a misoxinia e o racismo eran a base da sociedade batistiana. Por que o Imperio obvia a realidade LGTBI no veciño Haití, Xamaica, Guyana…?

É unha obviedade lembrar que en Cuba hai liberdade de expresión e pódense descubrir moitas bitácoras onde a sexodiversidade emerxe e impregna a vida social cubana. Porque sí, porque o socialismo en Cuba segue avanzando pola senda do feminismo e a igualdade plena, e iso o pinkwashing non o poderá agochar nin edulcorar nunca.

image

Porque asumir Europa como o paraíso LGTBI e Cuba como o inferno armarizado? Temos unha visión no que respecta á realidade LGTBI de Cuba sumamente distorsionada. Por exemplo, por que non se lembra que a homosexualidade foi despenalizada en Cuba en 1979 mentres que en Francia seguiu no código penal (‘Enmienda Mirguet’) até 1982?

Dende que en 1972 a Federación de Mulleres Cubanas (FMC) crease o Grupo Nacional de Traballo de Educación Sexual (GNTES) moitos avances históricos se teñen producido na revolución cubana. Neste sentido, Gloria Careaga Pérez, co-secretaria xeral da ILGA, afirmou nunha entrevista en 2014 que: “En Cuba, Vilma foi a primeira que abriu os espazos da FMC para que as lesbianas poideran reunirse. Agora o traballo de Mariela, quen está profesionalizada neste coñecemento, da continuidade ao legado que deixou a súa nai, impulsando a defensa dos dereitos LGBTI cun grupo de profesionais que acompaña de maneira sostida o proceso”.

Non podemos esquecer que en 1986 créase a Sociedade Cubana Multidisciplinaria de Estudos sobre a Sexualidade (SOCUMES), no 1989 ve a luz o Centro Nacional de Educación Sexual (CENESEX) e finalmente ten lugar en 1994 o creación do I Congreso Cubano de Educación Sexual . Por máis que se empeñe o ‘pinkwashing’… non  se pode agochar o feito de que a sociedade cubana (nun spring de 8 anos) entra na década dos 90 formando parte da Federación Latinoamericana de Asociacións de Sexoloxía e Educación Sexual (FLASSES) e da Asociación Mundial para a Saúde Sexual (WAS). Os avances de Cuba en materia de coeducación e saúde sexual son tan acelerados que axiña se recoñecen no eido internacional coa relevancia que merecen. No 2003 Cuba é a sede do XVI Congreso Mundial de Sexoloxía.

image

O traballo feito en revolución é colectivo, multinivel e comunitario mais compre salientar o carisma, compromiso e activismo de Mariela Castro quen, ademais de directora do CENESEX, é unha pedagoga, psicóloga e sexóloga entregada en corpo e alma ao pleno recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos. Mariela está moi implicada na axenda LGTBI e grazas ao rol decisivo do CENESEX as persoas transexuais poden acceder de balde dende o 2008 ás hormonas e operacións de reasignación sexual; un programa estatal de servizos sociosanitarios proporcionados de xeito integral polo Ministerio de Saúde Pública e pola Comisión Nacional de Atención Integral a Persoas Transexuais (CNAIPT). Compre salientar e recoñecer o increíbel esforzo que realiza a sanidade e investigación pública cubana a pesar do bloqueo xenocida imposto polos EEUU; terríbles consecuencias que se derivan da barbarie ianqui: desabastecemento de medicacións (hormonas, antirretrovirais, etc.), material quirúrxico e un forte estancamento nas políticas de I+D+i. Acto heroico da revolución cubana é faguerse forte ante o Bloqueo e seguir avanzando na investigación, atención ás persoas transexuais, consolidar as políticas públicas de prevención de ITS e VIH/SIDA, etc.

O colectivo de persoas TTT (travestis, transxéneros e transexuais) leva festexando grandes avances nos derradeiros anos no eido social e político. Nas eleccións municipais de 2012 Adela Hernández foi elexida delegada no municipio de Caibarién (Villa Clara), converténdose deste xeito na primeira concelleira transexual na República de Cuba. Este gran avance sitúa á revolución cubana na lista de estados latinoamericanos respetuosos coa comunidade trans*. Grandes victorias que serían imposíbeis sen o importante papel que desenrola a redeTransCuba. En palabras de Malu Cano cabe pór o foco en que: ao longo de todo o país identificamos a 3.002 persoas trans que recibiron formación dentro do noso proxecto como promotoras, facilitadoras e activistas […] Con estes obradoiros propiciouse tamén que moitas das persoas integrantes de TransCuba accedan a postos de traballo dignos, algo no que o CENESEX apoiou”.

image

Dentro da revolución cubana existen diversas Redes Sociais Comunitarias (RSS) que vinculan o traballo sectorial nos barrios e centros de traballo con calquera institución da República de Cuba. Transvasamento de saberes que fai das políticas feministas da illa unha metodoloxía comunitaria realmente transformadora e emancipatoria. Na actualidade as RSS enriquecen pola base o traballo do CENESEX dando como resultado un programa de intervención social ambicioso e integral; referentes para a OMS, a UNESCO e o PNUD. Tanto é esí que o CENESEX forma parte do consello rexional da Asociación Internacional de Lesbianas, Gais, Bisexuais, Trans e Intersex para América Latina e o Caribe (ILGALAC). Para que logo digan que a revolución cubana é LGTBIfóbica…

No relativo ao activismo lésbico debemos lembrar que no verán de 2013 xurde o Grupo de mulleres lésbicas e bisexuais Venus na provincia de Granma. Espazo activista que se suma a outros constituídos previamente en Santiago de Cuba (Las Isabelas), A Habana (Oremi), Cienfuegos (Fénix), Pinar del Río (Safo)… esí até un total de 11 grupos lésbico/bisexuais espallados por tódalas provincias da illa conformando a Rede de Mulleres Lésbicas e Bisexuais de Cuba. Estamos ante unha multiplicidade organizativa que constantemente é invisibilizada polos mass media de Occidente xa que case ningunha destas organizacións nos sona en Europa.

image

A existencia de Proxecto Arcoiris ou a Rede Humanidade pola Diversidade Sexual lémbranos que o movemento sexodiverso en Cuba é plural e conta con diversos enfoques e formas de traballar. No 2012 Homes pola Diversidade (HxD) incrementou a dinamización de obradoiros nos que abordaron a realidade da LGTBIfobia no ámbito laboral; e na actualidade a Rede de Mozas/os pola Saúde e os Dereitos Sexuais (Holguín) están a ter moita presenza. Moitas destas iniciativas comunitarias e populares conviven anualmente naXornada Cubana contra a Homofobia e a Transfobia, evento que neste maio de 2016 xa cumpliu a súa novena edición. Co lema “Por espazos laborais sen homofobia nin transfobia” a IX Xornada contou coa participación activa da Central de Traballadores de Cuba (CTC), ademais da implicación da mocidade e estudantado da illa que se súmase ano tras ano.

image

Estamos ante toda unha revolución feminista na que están implicados os ministerios, fundacións, sindicatos, organizacións de barrio e do tecido comunitario, institutos de investigación, grupos de activistas da sexodiversidade, xornalistas e medios de comunicación, organizacións rurais… unha converxencia de vontades e saberes que posicionan a Cuba -pouco a pouco- á vangarda sexodiversa dentro do ámbito dos pobos da América Latina e o Caribe. Non esquezamos que en 2014 celébrase nas cidades de Varadero e A Habana a VI Conferencia Rexional da ILGALAC (“Unidade de América Latina e o Caribe polos Dereitos LGBTI”) e que no 2015 ten lugar o VII Congreso Cubano de Educación, Orientación e Terapia Sexual.

Si, gringos. Cuba avanza irremediábelmente pola senda feminista. Vemos como por riba do bloqueo, o desabastecemento, a marxinación imposta, a guerra mediática e a criminalización da revolución… o pobo cubano resiste deseñando e trazando de xeito soberano o seu propio camiño da sexodiversidade do século XXI. O socialismo na illa avanza con moita firmeza polo camiño da despatriarcalización total da revolución. Creando novas prácticas e gañando en alianas.

Pola nosa banda, a mellor acción que podemos faguer *s galeg*s sexodivers*s é desactivar o pinkwashing practicando o internacionalismo informativo.

Cuba entende, Fidel vive!

Praza Blogs

Categorías
Xéneros e Sexualidades

RELACIONADAS