Convocan grupo de traballo para a demanda social sobre o Pazo de Meirás


A Comisión fai un chamamento ás entidades e colectivos da comarca para iniciar un proceso que remate na devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público sen custe económico.

A Coruña, 4 de xuño de 2017. A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña convida a todas ás entidades sociais e culturais e a veciñanza da comarca da Coruña a conformar un grupo de traballo que documente o espolio do Pazo de Meirás e contribuía a relanzar a demanda social por unha devolución do conxunto ao patrimonio público sen custe económico.

A tal efecto, a CRMH vén de convocar unha xuntanza para constituír este grupo o día 15 de xuño nunha acto aberto na Coruña, no Centro Universitario de Riazor (rúa Almirante Lángara, 6), que comezará ás 20.00 horas.

A CRMH ten apoiado todas as iniciativas encamiñadas á recuperación do Pazo de Meirás e continuará a facelo con vocación de conseguir unha unidade de acción, mais ante o bloqueo institucional ao que singularmente o Partido Popular somete calquera iniciativa neste sentido, a Comisión considera que é momento de impulsar unha demanda clara e decidida desde a sociedade civil para rachar de vez coa anomalía democrática que representa o Pazo de Meirás, e que vai moito máis alá do incumprimento do réxime de visitas e do descoido do patrimonio. Cómpre dar pasos firmes cara a normalidade democrática nesta cuestión.

A CRMH sostén que para o cumprimento das recomendacións de Nacións Unidas en materia de Memoria Histórica é preciso, no caso do Pazo de Meirás, empezar por recuperar a verdade do espolio e documentar os abusos para demandar con argumentos sólidos a xustiza e a reparación das vítimas. A CRMH vén mantendo desde hai anos a ilexitimidade da propiedade do pazo por parte da familia Franco e a necesidade de que se produza unha devolución ao patrimonio público sen custe económico.

 

Comisión Recuperación Memoria Histórica A Coruña

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS