Consellería de política social non informa sobre a situación nun centro de menores

A PESAR DOS REQUERIMENTOS DA VALEDORA
"Hogar San José" Imaxe: Google Maps

A Valedora do Pobo contestou a Queixa de EsCULcA relativa á situación do  Centro de Acollida de Menores Hogar San José de las Hermanas de la Caridad de Vigo para informar que, a pesar das dúas demandas “a Consellería de Política Social persiste na súa actitude de non enviar a información requerida”. Non precisa se emprendeu algunha outra dilixencia.

 Con esta comunicación, a Valedora contesta a Queixa presentada por EsCULcA o 31/10/2016 -en que demandaba información sobre o actuado en relación aos graves feitos denunciados por menores residentes no Centro e reclamaba medidas urxentes que evitasen a repetición deses feitos- e o escrito de 12/12/2016 -en que EsCULcA, coñecedora de medidas de represalia tomadas contra menores que denunciaran a situación do Centro- reclamaba a adopción de máis medidas urxentes, sen prexuízo da necesaria investigación demorada dos feitos, que impedisen novas vulneracións de dereitos das persoas internas no Hogar de San José.

En concreto, o observatorio demandaba:

i) informaciõn das dilixencias adoptadas pola oficina do Valedor para investigar os feitos,
ii) se procedese a reclamar o informe solicitado á Consellaría de Política Social,
iii) se alargase a investigación aos novos feitos coñecidos a través de información xornalística e á actuación da Xunta e da inspección en todo o proceso,
iv) se mantivesen de inmediato entrevistas co/as menores afectado/as unha vez se proceda á súa identificación (que se realizará no prazo máximo de 48 horas a contar desde o rexistro do escrito).

Ignoramos se a Valedora do Pobo emprendeu algunha destas dilixencias pois nada menciona ao respecto. Indica, si, que, á vista do silencio da Consellería de Política Social “vímonos obrigados a recordar de novo á citada consellería o seu deber de colaborar ao rápido esclarecemento da situación que nos expón na súa queixa (art. 26.1 da Lei do Valedor do Pobo). No caso de persistir esta actitude procederemos a realizar unha advertencia sobre as súas consecuencias legais”.

 

Ver aqui a resposta da Valedora.

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS