Iníciase o proceso para remunicipalizar a ORA e o guindastre en Compostela

O pleno municipal de Santiago de Compostela aprobou esta tarde iniciar o procedemento de asunción directa da xestión do servizo de ORA e guindastre a través da empresa municipal Tussa.
Intre da votación, Concello de Compostela

Fíxoo cos votos a favor de Compostela Aberta (10) e do BNG (2) e as abstencións de PP (9) e PSOE (3). Péchase así o proceso administrativo que iniciara o Goberno local hai meses, tras recibir a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anulara a adxudicación do servizo á empresa Setex Aparki por incumprir o prego técnico de condicións do procedemento.

A moción aprobada inclúe a creación dunha Comisión Técnica que levará a cabo o proceso. Estará integrada polo alcalde, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, dous concelleiros designados polo grupo municipal do PP, un designado polo PSOE e outro designado polo BNG. Ademais, contará coa participación e asesoramento técnico do xerente de Tussa, e representantes dos servizos municipais de Persoal, Contratación, Policía Local-Tráfico, Intervención e Asesoría Xurídica.

Jorge Duarte salienta que “a municipalización da ORA e do guindastre permitirá poñer en marcha medidas que favorezan aos veciños e veciños de Compostela, como bonificacións ou gratuidade nalgúns tramos horarios”

Trala aprobación da moción, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, defendeu que a xestión directa do servizo é “a opción máis beneficiosa para a cidadanía”, pois “a municipalización da ORA e do guindastre permitirá poñer en marcha medidas que favorezan aos veciños e veciños de Compostela, como bonificacións ou gratuidade nalgúns tramos horarios”. Ademais, Duarte salientou o traballo xa realizado nos últimos meses para “garantir a máxima seguridade xurídica”.

Mentres, o alcalde Martiño Noriega fixo fincapé na importancia de que sexa Tussa quen asuma prestación do servizo “porque é a fórmula máis garantista dado o marco legal que temos na actualidade, sobre todo no que ten que ver coa subrogación do persoal”. Noriega adiantou que o Goberno municipal xa ten avanzado moito traballo para facilitar a xestión directa “no que ten que ver co persoal e mesmo no que ten que ver cos terreos que deberán servir como depósito para os vehículos retirados polo guindastre”.

 

Un proceso iniciado en 2015

En setembro de 2015 o TSXG anulou a concesión da ORA e o guindastre

En setembro de 2015 o TSXG anulou a concesión da ORA e o guindastre e un mes máis tarde a Xunta de Goberno Local acordou executar a sentenza, ordenando a continuidade dos efectos do contrato ata que a Corporación adoptara unha decisión sobre a xestión dos servizos. En xaneiro de 2016, o consello de administración de Tussa aprobou a modificación dos seus estatutos para poder ampliar o seu obxecto social aos servizos da ORA e o guindastre.

Todos os informes avalan a medida

En maio, ao expediente aberto incorporouse un informe elaborado por unha auditoría externa, Faura-Casas, sobre os custes efectivos, a situación económico-financeira e as estimacións futuras do contrato de xestión dos servizos, así como outro informe xurídico sobre cuestións de persoal derivadas da posible remunicipalización. Os dous eran favorables á medida, polo que a Xunta de Goberno lle solicitou a Tussa que se pronunciara sobre a viabilidade da encomenda de xestión. Ese informe de viabilidade chegou no mes de setembro, e xa en outubro Faura Casas emitiu un novo informe económico sobre a liquidación do contrato con Setex. Todos os informes avalan a viabilidade de que os servizos de ORA e guindastre sexan prestados pola sociedade mercantil Tussa, decisión que finalmente hoxe avalou o pleno.

Marcos Pérez Pena   Praza.gal

Categorías
Política

RELACIONADAS