Comeza o Culturgal, a Feira das Industrias Culturais galegas

Ao igual que nos últimos anos, as iniciativas para o público familiar concentran boa parte das propostas.
Imaxe: culturgal.com

Manterse orientado no remuíño de actividades que supón a Feira das Industrias Culturais, que abre hoxe as súas portas, non é sinxelo. Como é habitual, desde Culturagalega.gal achegamos unha serie de recomendacións para que sexa máis sinxelo atopar por onde lle meter o dente a este evento.

 Web do culturgal

Estar á última
Unha terceira parte dos postos presentes participan por vez primeira na feira. Deste xeito, o Culturgal preséntase, de novo, como unha ocasión única para coñecer novas empresas, produtos e iniciativas culturais. Na feira vanse dar a coñecer algúns dos proxectos que queren marcar a axenda cultural de 2017, como o Ano do Patrimonio da Deputación de Pontevedra. Destaca de xeito particular, segundo recoñece José Aldea, director do evento, o peso da cooperativas, que semellan despuntar como novo xeito de organización no sector cultural. Seis destas empresas contan con posto propio e outras once estarán presentes no grande espazo que terá o Consello Galego de Cooperativas. Unha boa ocasión para as coñecer.

O filme da temporada
Unha semana depois da súa estrea en cinemas, preséntase na feira Sicixa. O novo filme de Ignacio Vilar, logo da multipremiada A esmorga, chega ás pantallas despois dun exitoso circuíto de festivais e chamada a ser unha das producións desta temporada. A presentación do proxecto, na tarde do domingo, supón unha boa ocasión de a coñecer o proxecto da man do director.

Autores
A nivel literario, a posibilidade de ver ao vivo os autores falar das súas obras é sempre un dos principais atractivos do evento. Ademais, nesta ocasión, destacan as mesas temáticas que se dedican á narrativa histórica na tarde de sábado e á fantástica na de domingo. María do Cebreiro, Inma López Silva, Blanca Riestra, Miguel Sande,Daniel Asorey, Xavier Senín, Antón Riveiro Coello ou Carlos Quiroga son algúns dos literatos que se presentarán ao vivo no evento.

Concertos
Se ben o concerto co que Budiño conmemora o vinte aniversario do seu Paralaia é sen dúbida o prato forte a nivel musical do evento, a organización aposta de novo por incluír outro grande espectáculo no seu programa. A orquestra folk Sondeseu ocúpase de pór ambiente á noite do venres 2 cun grande concerto no que contará con Rosa Cedrón e o Orfeón de Treixadura como convidados.

Os nenos, como sempre
A seguir a tendencia habitual, o Culturgal vai seguir a ser un espazo amigable para os máis cativos, cunha grande parte da programación orientada a eles. As montaxes teatrais e os libros-CD copan a oferta neste sentido, acompañados de obradoiros e actividades de ocio, algunhas tan orixinais como unha proposta de iniciación o parkour ou as propostas de Ciencia á Feira. No entanto, entre toda a oferta destaca a presentación de Aire, o terceiro volume de Maria Fumaça. A proposta musical que capitanea Uxía, con Sérgio Tannus, Magín Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina, Carlos Blanco, Ruí, a Familia Domínguez Senlle e outros amigos, ocupa un lugar destacado na programación e poderá coñecerse ao vivo cun recital no Auditorio do Pazo da Cultura na mañá de domingo. Tamén Pablo Díaz presenta no evento o seu novo traballo Tic tac toc, outro hit da música para crianzas do país.

Arte
De novo, a feira busca conexión co mundo da arte. Desta volta, Antón Sobral e Paula Cabaleiro comisarian Pegadas na Terra, unha exposición que integra obras de María Álvarez, Alberto Bidarra, Carla Andrade, Xoán Cerviño, Roi Domínguez, Maribel Longueira, Bibi Martín, Xurxo Oro Claro, Alberto Pena, Lemuel Quiroga, Reme Remedios, Neves Seara, Jorge G. Valenciano, Edu Valiña, Christian Villamide, Román Corbato, Miguel Benjumea e Fran Herbello.

Gastronomía ao grande
A incidir na integración da gastronomía como parte da feira, o evento achega unha novidade de peso. Segundo explica José Aldea, “agora que están de moda os foodtrucks, nos adiantámonos á tendencia e imos ter un trailer-restaurante dentro do recinto”. Un xeito máis de facilitar unha visita prolongada á feira. Haberá que o probar.

culturagalega.org

Categorías
Cultura

RELACIONADAS