Comeza a X lexislatura do Parlamento da Galiza

Miguel Santalices, eleito presidente da Cámara galega, chama a unha lexislatura de "respecto institucional". Os deputados do PP e PSOE xuraron ou prometeron os seus cargos. Os parlamentares de En Marea empregaron diversos e variados engadidos e o BNG fíxoo “por imperativo legal”.

Esta sexta feira comezou a X lexislatura ao se constituír oficialmente o Parlamento de Galiza. Miguel Santalices, do PP, foi eleito presidente da Cámara, ao obter 41 votos a favor e 34 abstencións. Unha cámara que presenta 40 caras novas a respecto da IX lexislatura, o que indica o grao de renovación que experimenta o parlamento nesta etapa que se abre.

Acompañan Santalices na mesa do Parlamento nesta lexislatura Diego Calvo (PP), vicepresidente; Eva Solla (En Marea), vicepresidenta segunda; Raquel Arias (PP), secretaria; e Concepción Burgo (PSOE), secretaria segunda. “Respecto institucional” no debate parlamentar e “portas abertas” da presidencia aos deputados foron as dúas ideas que Santalices quixo trasladar no seu breve discurso ao hemiciclo após ser constituído o Parlamento.

CvSSe7lWIAAkcZA

Constituída a mesa foi a quenda da toma de posesión oficial dos deputados e deputadas. Un a un foron respondendo dende os seus escanos á pregunta que lles realizaba a secretaria: “Señores deputados, xuran ou prometen acatar e gardar fidelidade á constitución e estatuto?”. Os parlamentares do PP e do PSOE optaron por responder cun “si, xuro” ou “si, prometo” (a fórmula eleita polo presidente,Núñez Feijóo). Diferente foi a escolla dos deputados de En Marea e do BNG.

 

“Imperativo legal”

As seis representantes do BNG no Parlamento mantivéronse no que é a liña tradicional do nacionalismo na constitución dos parlamentos galegos e afirmaron que acataban a constitución e o estatuto “por imperativo legal”. Co exemplar de Sempre en Galiza e o caravel vermello na man, afirmaron: “Comprométome a ser fiel a Galiza e defender os dereitos nacionais e sociais dos galegos e das galegas. Por imperativo legal, prometo”. Esa foi a apostila que usaron os parlamentares nacionalistas. Ana Pontón, Xosé L Rivas ‘Mini’, Luís Bará, Montse Prado, Olalla Rodil e Noa Presas.

CvSDXtVUAAEbFZa

“Por imperativo legal” foi a opción escollida tamén por Antón Sánchez(viceportavoz de En Marea). O portavoz deste grupo parlamentar,Luis Villares prometeu a Constitución e o Estatuto na defensa do pobo galego, engadindo que nesa misión “comprometo a miña palabra e, se for preciso, a miña vida”. As apostilas dos deputados de En Marea foran diversas. Así, Paula Quinteiro referíase ao traballo a prol da “emancipación social e nacional das clases populares galegas”, mentres que Davide Rodríguez facía súas “as palabras de Beiras” e comprometíase a defender a igualdade e liberdade do pobo galego. Paula Verao, ferriniana (no literario), optou por un “prometo e reclamo a liberdade para o meu pobo”. Carmen Santos (secretaria xeral de Podemos e viceportavoz segunda) prometeu traballar “por unha Galiza xusta para todos”. Eva Solla, vicepresidenta segunda da Cámara, prometeu en atención “aos meus principios feministas e republicanos”.

Protestos

O día no que comezaba esta X lexislatura, ás portas do parlamento decorreron as mobilizacións de traballadores de Isolux e do Banco Popular-Pastor contra os seus respectivos expedientes de regulación. A oposición solidarizouse coas súas demandas.

sermosgaliza.gal

Categorías
Política

RELACIONADAS