Colectivos LGTBI presentaron este venres a súa proposta de Lei de Identidade de Xénero

Recibiu o apoio de En Marea e BNG. Navarra, País Vasco, Andalucía, Estremadura, Canarias e Madrid contan con leis de Identidade de Xénero, normas aprobadas nos últimos anos buscando a plena integración social das persoas transexuais
Imaxe: En Marea

Os colectivos LGTBI galegos presentaron este venres no Parlamento a súa proposta de Lei de Identidade de Xénero, que recibiu o apoio de En Marea e BNG. O borrador parte das “10 propostas básicas” que foran impulsadas o pasado ano por Transforma Unión Trans, Arelas (Asociación de Familias de Menores Trans) e Ultreia, obtendo unicamente o compromiso BNG, En Marea, CxG e Ciudadanos, sendo rexeitadas frontalmente polo PP.

“Dende hai anos o colectivo trans galego está tratando de reivindicar, visibilizar e sensibilizar os poderes públicos e á cidadanía en xeral sobre as situacións de exclusión social e discriminacións”

“Dende hai anos o colectivo trans galego está tratando de reivindicar, visibilizar e sensibilizar os poderes públicos e á cidadanía en xeral sobre as situacións de exclusión social e discriminacións ás que deben facer fronte moitas persoas na Galicia por mor da súa identidade de xénero”, destacan. “Coa Lei Galega de Identidade de Xénero buscamos acadar unha lexislación básica e fundamental que toda persoa ten dereito a ter, o primeiro e o máis importante, o dereito a ser”, din. Desde os colectivos fixeron un chamamento aos distintos grupos da oposición para amosen “altura de miras“ e apoiar a tramitación desta Lei imprescindible para acabar coas situacións de desigualdade e de discriminación.

Navarra, País Vasco, Andalucía, Estremadura, Canarias e Madrid contan con leis de Identidade de Xénero, normas aprobadas nos últimos anos buscando a plena integración social das persoas transexuais, con especial atención aos e ás menores. O obxectivo é que a norma galega, que inicia agora o seu camiño parlamentario, permita “acadar un completo recoñecemento da identidade de xénero en todos, engadindo tamén unha carteira de servizos e políticas públicas a favor da inclusión das persoas trans na sociedade”. 

Denuncian igualmente que estas persoas son decote “excluídas do ámbito laboral, obrigadas a ter que mostrar cada día unha documentación que non as identifica, e a sufrir todo tipo de violencias transfóbicas polo simple feito de non identificarse co sexo asignado ao nacer”. Por iso, unha das primeiras discriminacións pasa polas trabas e dificultades para obter un documento nacional de identidade que realmente os identifique. Entre os requisitos que lles esixen está a obriga de levar polo menos dous anos de tratamento hormonal e, a maiores, súmase toda a burocracia e esperar a que aproben ou non a documentación para poder obter un novo carné. Por este motivo solicitan un DNI transitorio que poda identificalos sen ter que dar explicacións continuamente a xente que non coñecen de nada e as que non teñen porque dar explicacións das súas vidas como eles mesmos reclaman.

Unha das primeiras discriminacións pasa polas trabas e dificultades para obter un documento nacional de identidade que realmente os identifique

As listas de agarda para se operar son outra das problemáticas destacadas polos colectivos que chegan incluso aos dez anos e con traslados por exemplo a Málaga. O que se pide neste borrador de Lei é que todos os servizos médicos estean garantidos como para o resto de persoas. Outro dos aspectos importantes recollidos fai referencia ao ámbito escolar no que consideran necesario recoller dentro dos curriculum educativos a diversidade e a comprensión algo que aseguran non se está a dar.

praza.gal

Categorías
Xéneros e Sexualidades

RELACIONADAS