Clece readmite a traballadora que foi despedida por estar de baixa

O Comité considera a decisión un éxito sen predecentes pero advirte que aínda "nos espera unha longa loita"
Traballadoras/es de Clece no HULA

Clece (concesionaria da limpeza do HULA) readmitiu onte a traballadora despedida por estar de baixa por enfermidade crónica. Dende o Comité valoran esta decisión como “un éxito sen precedente”, non só polo resultado positivo, “senón tamén polo ambiente de apoio que se xerou arredor deste dramático caso e que nos obriga a ter unha longa lista de agradecementos que facer”.

Nun comunicado, o Comité salienta que foi a través da presión social como se logrou que Clece readmitira a esta traballadora “sen nin sequera chegar a xuízo. Parece que a empresa primou defender a súa imaxe pública, algo que  até este momento non debeu ter en conta”.

Agradecementos

Dende o Comité agradecen a firmeza da compañeira “que deu a cara en todo momento”. Do mesmo xeito, dan as grazas ás compañeiras/os da limpeza, ás compañeiras/os HULA, aos compañeiros/as das organizacións  sindicais que apoiaron as concentracións ou de calquera outro xeito, e “aos medios de comunicación social que informaron de distintos xeitos esta loita de David contra Goliat”.

Porén, non todo son parabéns, xa que “o maltrato á clase traballadora” por parte desta empresa non rematou. Así, lembran que Clece ten abertas causas en toda Galiza e en todo o estado por infinidade de irregularidades nas relacións laborais, “mentres as administracións públicas co diñeiro de todos/as seguen a asignarlle contratos e incluso o goberno español a condecora polo seu compromiso contra a violencia de xénero”.

“Denunciamos que CLECE maltrata e logo lava a cara na prensa, tanto, no antedito tema como no da integración da diversidade funcional”, aseveran.

Dende o Comité consideran que esta é unha pequena vitoria e “que nos espera unha longa loita”. Por iso, avanzan un compromiso de loitar sen descanso porque  “esta, ou calquera outra empresa concesionaria na limpeza no HULA, trate con respecto o seu persoal e para iso utilizaremos o aprendido até o de agora”.

Un trato de respecto, engaden, implica o cumprimento estrito do convenio, o cumprimento da normativa de seguridade e saúde, o trato respectuoso e digno a cada traballador/a e o colectivo.

CIG

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS