“Clece despide e o Sergas consinte”

Traballadoras/es da limpeza do HULA mobilízanse en demanda da readmisión dunha compañeira despedida por estar enferma

As traballadoras e traballadores da limpeza do HULA están desenvolvendo esta semana concentracións para reclamar a readmisión inmediata dunha compañeira á que Clece (empresa concesionaria do servizo) despediu “por non cumprir os obxectivos”, debido a que estivo de baixa laboral por unha enfermidade crónica.

As concentracións están desenvolvéndose pola mañá e pola tarde na entrada do Hospital de Lugo “con gran afluencia de compañeiras da limpeza”, segundo explica Carme Aira, Secretaria Comarcal da CIG-Saúde.

Esta non é a primeira vez que Clece procede deste xeito, pois o pasado ano xa cesara de maneira inxusta a outra traballadora que estivera de baixa por unha enfermidade grave. Porén, a decisión (tomada dende Madrid) foi declarada nula polos tribunais e a empresa tivo que reincorporar a afectada.

“Cruzada contra o absentismo”

A este respecto, o Comité acusa a Clece de estar desenvolvendo “unha cruzada contra o absentismo pola vía das coaccións e despedimentos, pero sen parar a analizar a causa que o provoca”. A este respecto, apuntan á desigual distribución das cargas de traballo ou ao clima laboral.

Xunto a isto o Comité denuncia que a empresa ameaza as traballadoras con coaccións telefónicas, cambios nas vacacións, entrevistas obrigatorias, chegando mesmo a negarse a recoller os partes de baixa entregados por familiares.

Doutra banda, a representación social lamenta a falta de intervención da Xerencia e demanda a administración que condicione ás empresas subcontratadas “a levar prácticas éticas na xestión dos recursos humanos”

Nova concentración o venres

As concentracións continuarán o próximo venres 10, ás 09:30 horas e ás 18:30 horas e durante as mesmas decidiranse as mobilizacións para as vindeiras semanas.

CIG

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS