Cargas policiais na zona vella de Compostela contra os solidarios do centro social


Producíronse no Preguntoiro e Praza de Cervantes contra unha manifestación que se mobilizaba, inciden todas as fontes, de forma pacífica contra o desaloxo esta mañá da terza feira do CSOA. Unha persoa detida.

Antidisturbios da Policía Nacional procederon na tardiña desta terza feira a cargar contra a manifestación que percorría a zona vella de Compostela para denunciar o desaloxo e tapiado do CSOA Escarnio e Maldizer. Participantes na mobilización confirmaron a Sermos Galiza que a Policía empregou pelotas de goma, para alén de cargar coas porras contra os manifestantes. Unhas cargas que se produciron na Rúa do Preguntoiro para repetirse uns metros despois, na Praza de Cervantes (Praza do Pan). “Levaron esposado un rapaz que estaba inconsciente, dixéronnos que dun porrazo, avisamos o 112”, comentou unha manifestante.

DBGK84fXoAQxRDNA marcha saíra da Praza 8 de Marzo e na mesma tomaban parte por volta de 500 persoas. Transcorría de forma pacífica e sen incidentes até a intervención policial, indican varias fontes. Pelotazos de goma e porrazos que crearon momentos de preocupación e tensión nunha zona vella moi concorrida a esas horas. Algunhas fontes apontaron a que tamén se empregaron gases lacrimóxenos. Tamén se indica o emprego de bengalas por parte dalgúns dos manifestantes.

As cargas dispersaron momentáneamente aos manifestantes, que volveron reunirse na Praza do Pan, onde se mantiña en actitude ameazante un forte dispositivo de antidisturbios da Policía Nacional.

Após as cargas, nalgúns puntos de Compostela, como San Roque, encarapuchados cruzaron contentores, mentres noutros puntos se prendeu lume a este mobiliario. A policía española fala de 3 axentes feridos.

Imaxes da capa e do texto tiradas de @CausaGaliza

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS