Campo de tiro na fraga: Licenza para destruir a nosa natureza


A contestación social á instalación dun club de tiro nunha fraga centenaria chega tarde, as instalacións e as cortas de árbores xa causaron danos.
Construción do campo de tiro

O 5 de xaneiro deste ano, Antonio Roma, fiscal da Fiscalía provincial de Medio Ambiente e urbanismo, recolleu en Santiago a denuncia de dúas persoas que representaban ao Comité de Defensa das Rías Altas. Denunciaban a construción dun campo de tiro nunha fraga en Vilar da Fraga na parroquia de Soandres, no concello da Laracha (Coruña). Achegaron fotografías e autorizacións administrativas das obras. O fiscal resumiu o relato nunha folla: hai unha nave de tres metros e medio de alto que, segundo as denunciantes, se levantou en solo de protección natural nunha fraga “especialmente valiosa con árbores autóctonas e especies protexidas”; pola fraga pasa o río Anllóns e advirten do risco de que o chumbo da munición contamine as augas; hai dous camiños, un público que foi desafectado e despois vendido aos propietarios do campo e o outro está documentado como camiño real.

Dolores Louro ten 56 anos e a finais do ano 2000 decidiu crear o Comité de Defensa das Rías Altas, “sen convertelo nunha asociación porque non buscabamos subvencións”. Daquela vivía en Ares. Participaron dunha loita con veciños e outras asociacións que conseguiu parar unha urbanización en Serantes e despois outra xunto a praia de Doniños, “porque querían impoñer aquí o modelo urbanístico do Mediterráneo”. Tamén estiveron pelexando por impedir que se montase a planta regasificadora en Mugardos.

O Comité de Defensa das Rías Altas conta con dez voluntarios, entre elas, Irene, “namorada da paisaxe desta zona” que sentiu dor polas árbores arrasadas na construción do campo de tiro e, despois de participar nunha andaina reivindicativa hai uns meses, decidiu apoiar as demandas do comité. Os activistas piden derrubar o edificio do campo de tiro xunto á estrada AC-523 e rexenerar a vexetación nos 85.000 metros cadrados que ocupará a instalación, hoxe en obras.

Edu e Begoña, de Podemos, con Irene, no que foi camiño público

O edificio do clube de tiro son varios módulos de cemento branco ao pé da estrada, xunto a eles hai foxos de terra que comeron carballos e bidueiros e unha explanada ao cabo dos regatos que se achegan ao Anllóns.

Os veciños 

Só hai dúas casas habitadas xunto ao campo de tiro. “Queren facer un bar e outros servizos, ademais das instalacións cubertas de tiro e as exteriores de tiro ao prato”, explica Xosé ás portas francas do patio onde a xente das obras garda os seus turismos, material de construción e maquinaria, “porque alá onde o club xa lles roubaron”. Está tarde hai unha pa e un par de homes medindo os prados que inda non foron aplanados. Xosé está agradecido polo campo entre outras cousas porque a el lle compraron os 116 ferrados que non hai moitos anos recibira dunha herdanza. “Viñeron o alcalde e uns concelleiros e dixeron que había isto e vendín, a min paréceme ben que se faga o campo, que se faga algo aquí porque nestas outras fincas non podo nin construír”.

Xosé, o veciño que vendeu os terreos ao Club de TiroNon irá á manifestación do domingo, e tampouco irá a súa muller que recorda que cando nena se fixera unha canteira en Mantiñan e cos estoupidos rachaban as paredes das casas “e ninguén dicía nada”, e logo foron para Vista Alegre e non houbo queixas, nin as houbo con esa outra, nese outeiro que separa os regatos do monte Xalo e que non deixa ver desde aquí os fumes de Meirama.

Xosé di que cada quen é libre de pensar o que queira, pero que meten máis ruído os coches da estrada que calquera detonación das armas e que o camiño era vello e non se usaba e que el xa cortara árbores (piñeiros, eucaliptos e algún carballo) e foran denuncialo, pero pedira permiso e tiña todo en regra.

Hai outra casa xunto ao campo de tiro. O dono tamén se chama Xosé, pero é máis vello e leva toda a vida (“salvo o tempo da mili”) aquí. “Claro que coñezo a fraga, e os regatos, e o Anllóns empeza máis abaixo. Aí levaron por diante moitas árbores, certo. Eu prefería que tiveran feito outras cousas. Industrias. Dar traballo. Pero isto xa non hai quen o pare, verdade? Se houbese algunha irregularidade non estarían traballando. Ao mellor cando empezou a cousa, cando se pediron os permisos e se fixera a exposición pública, ao mellor naquel momento, si que se puido facer algo. Pero ninguén dixo nada”. Tampouco sabe se irá á manifestación do domingo, “depende se teño que facer outra cousa ese día”.

As obras e o comité

O 26 de setembro de 2015 o pleno do Concello da Laracha acordou cambiar a cualificación dun tramo duns trescentos vinte metros dun camiño público a ben patrimonial. O 5 de agosto do 2016, o Club de Tiro Olímpico Laracha, promotor das obras, recibiu a licenza para construír as instalacións de tiro olímpico e de tiro ao prato en “solo rústico de especial protección de espazos naturais e de espazos naturais e das augas”. As obras debían levar tres anos. Na web do club xa hai fotos dunha galería de tiro e dos foxos para o tiro ao prato. A estrutura edificábel vai moi avanzada.

Juan, Irene e Dolores, xunto a estrada e as instalacións do campo de tiro

Hai máis ou menos un ano, Dolores Louro empezou a interesarse polo que pasaba co campo de tiro “despois de ler nas redes sociais que había queixas”. O Comité de Defensa das Rías Altas iniciou a súa primeira acción “no interior”, “porque nos decatamos de que a contaminación do Anllóns polo chumbo da munición podería chegar a afectar a ría de Corme”. Estudaron o problema, fixeron folletos, repartíronos en bares e feiras, e déronse a coñecer ás veciñas que estaban molestas, e cunha delas chegarían a presentar a denuncia diante da Fiscalía a comezos do 2017. “Pero o fiscal Roma foi trasladado e non sabemos se fixo actuacións. A nós dixéranos que si, pero o certo e que non temos constancia e cando xa non o puidemos localizar presentamos outra denuncia nun xulgado de Santiago que agora se terá que tramitar en Carballo”.

Desde hai unhas semanas, o comité vai recibindo adhesións: da asociación Petón do Lobo, coa bagaxe do conflito en Corcoesto; do Comité de Defensa do Común da Coruña, do que Dolores e Juan, outro dos activistas, fan parte activamente; e de outras plataformas como a que se opón á liña de alta tensión nas Mariñas que Red Eléctrica pretende tirar desde Abegondo e pasará por esta zona, polo Xalo.

Os ambientalistas

Ana Varela, secretaria de Petón do Lobo, explica que a experiencia de Corcoesto ampliou a súa base social e levounos a abordar outros casos “para corrixir inxustizas”. Esta semana entrevistouse en Compostela co asistente da Valedora do Pobo para explicarlle a situación en Vilar da Fraga. Desde a asociación pensan que se deberían paralizar as obras e que varios departamentos da Administración deberían intervir. Desde a Subdelegación do Goberno, a respecto da seguridade na estrada que pasa a uns metros do campo, até a Consellaría de Sanidade, para valorar os posíbeis impactos na saúde do chumbo; e Medio Ambiente, polas cortas na fraga e as detonacións que afectarán a fauna; e tamén Cultura, porque o camiño real está documentado desde o ano 1752.

Os activistas de Petón do Lobo visitaron a fraga e empezaron a intercambiar información co comité. Están afeitos a tratar coas administracións e advirten que tanto o Concello da Laracha como a Xunta puideron incorrer en irregularidades. “Como pode ser desafectado un camiño público e acabar formando parte dun campo de tiro?”, cuestiónase Varela, “pódese dar amparo legal á construción en solo rústico de protección transformándoo en solo urbanizábel?”

Galería de tiro. Foto tirada da web do Club de Tiro Olímpico Laracha

O chumbo da munición é contaminante e pode acabar nos terreos onde nace o Anllóns, insiste a activista. “Medio Ambiente, a consellaría, no di nada nin hai medidas correctoras ou de limpeza; como tampouco dixeron nada cando se cortaron máis das árbores autorizadas”. Desde Petón do Lobo recordan que o Anllóns é un río moi castigado e que en setembro do ano pasado xa estivo por baixo do caudal ecolóxico.

Onde Petón do Lobo ve posibilidades de levar adiante unha loita veciñal que deteña a agresión ao medio natural, Adega só advirte outro caso de posíbel abuso aproveitando as lagoas na lexislación.

Fins Eirexas, secretario da organización, explica: “Cada mes hai ducias de iniciativas que queren frear unha agresión ao medio, no rural todo ten interese natural”. Desde a súa experiencia de 25 anos en Adega, Eirexas concede que nos últimos anos apréciase unha maior conciencia medioambiental na veciñanza e que as organizacións ambientalistas están a recibir máis demandas, “tamén en parte porque os recortes desartellaron as vías que a Administración tiña para atender estes problemas e a xente acode a nós que as veces temos que facer de oficina de información pública”.

As obras do campo de tiro obrigaron a cortar árboresEirexas conta que avaliou persoalmente o caso de Vilar da Fraga e sinala que, na súa opinión, “o que se fixo atense á lexislación actual”. “Aparentemente cúmprese a lei, e por ese lado hai pouco que facer. No fondo, a contestación social parece ter un carácter localista, un movemento típico do que chamamos Non na miña leira [a tradución do acrónimo inglés NIMBY, Not In My Back Yard]. Hai unha preocupación ambiental, pero no fondo trátase de intereses particulares. Non o fagas aquí, pero si o fas aí o lado xa non me importa… Neste caso a mobilización tería que definir un obxectivo máis concreto. A fraga e o río son dous aspectos secundarios. Para os ecoloxistas o debate a dar sería respecto do uso do chumbo e os metais tóxicos”. En calquera caso, Adega ve respectábeis as reivindicacións dos colectivos e implicados. “E compartímolas”, subliña Eirexas.

O lugar e o modelo

“Desde o número pódense mover as vontades políticas”, sostén Ana Varela, “por iso é tan importante coordenarse e partillar loitas”. En Petón do Lobo consideran que a maior conciencia social a respecto das agresións ao medio ambiente ten que ver coa comprensión “dos efectos do cambio climático, da seca, para a saúde das persoas”. A experiencia de espazos que comparten con outras organizacións, como ContaMINAcción, vai creando tamén conciencia. O éxito de Corcoesto, “que se parou, está xudicializado, un triunfo da cidadanía”, animounos a espallar táctica e estratexia. Desde Adega, Eirexas advirte: “Non podemos pillarnos os dedos noutros casos de Non na miña leira”. Segundo el, a reflexión non ten que ver co lugar, senón co modelo, e pon exemplo de reclamacións locais que remataron niso: “Corcoesto, onde coincidiron varias plataformas e se produciu esa reflexión sobre a minería que temos no país; e O Irixo, coa incineradora, que serviu para poñer en evidencia un modelo de xestión que é unha fuxida cara diante, e rematou cunha ILP con 30.000 sinaturas e veciños de Lalín e Cerceda implicados na loita”.

“Estamos abertos a compartir información e a que se sumen todas as organización e partidos que queiran salvar a fraga de Vilar da Fraga, o río e os camiños”, di Dolores Louro mentres discute con Juan os últimos detalles da mobilización do domingo. Teñen que recoller a faixa para a cabeceira da manifestación, e seguir repartindo os carteis. “Temos apoio, mesmo quixemos poñer a lista completa dos colectivos que fan parte da Comisión Aberta para a Defensa do Común da Coruña, pero quedabamos sen sitio para a foto no cartel. O domingo, co manifesto, nomearémolas todas”.

 

Nota: Fotografías feitas esta semana en Vilar da Fraga, da autoría de E.D.. Salvo a do interior da galería, que está na web do Club de Tiro. As imaxes insertas no medio do texto son, de arriba a abaixo, (1). Edu e Begoña, de Podemos, con Irene, no que foi camiño público; (2). Xosé, o veciño que vendeu os terreos ao Club de Tiro; (3). Juan, Irene e Dolores, xunto á estrada e ás instalacións do campo de tiro; (4). Galería de tiro; (5). As obras do campo de tiro obrigaron a cortar árbores

 

Categorías
Ecoloxía

RELACIONADAS