Bota a andar o I Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada

A iniciativa contará con autores como Miguelanxo Prado, Inma Serrano ou Sagar Forniés

Desde mañá, xoves 9 de novembro e ata o vindeiro domingo 13, a capital galega sufrirá un desembarco de debuxantes. O I Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada achega á cidade coñecidos ilustradores como Cater Muller, Inma Serrano, Sagar Forniés, Jorge González, Joaquín González Dorao, Ana Luísa Frazão, Fermín Solís, Clara Marta ou Miguelanxo Prado, que capitanea o encontro.

Canda a eles, 151 inscritos percorrerán rúas e espazos emblemáticos da cidade para crear os seus cadernos de viaxe. Entre as actividades haberá presentacións dos traballos dos ilustradores convidados, clases maxistrais, noites gastronómicas e mais as exposicións Santiago Cidade Ilustrada, Portugal Ilustrado e boSCQuejeros que recolle o traballo deste colectivo local de afeccionados ao debuxo.

No programa inclúense aulas didácticas infantís para debuxar produtos do mercado e tendas, animais do Museo de Historia Natural ou paisaxes urbanos como a Cidade da Cultura. Segundo explica Prado na presentación do encontro, “debuxar as cidades, os obxectos que as conforman e os seres que as habitan é unha maneira óptima de aprender, de querer e de lembrar”. O programa, promovido por El Patito Editorial, está organizado polo Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e Turismo de Santiago.

 

culturagalega.gal

Categorías
Cultura

RELACIONADAS