Ataque fascista contra a exposición sobre o movemento obreiro da Coruña

“Este tipo de accións están fóra de lugar, como está fóra de lugar a defensa do franquismo, e moito máis o de volver a eses tempos”, defende Pepe Barro, creador e deseñador do proxecto, promovido polo goberno municipal.

A exposición A forza necesaria, centrada na historia do movemento obreiro e sindical da Coruña, apareceu este domingo con pintadas fascistas. A mostra a ceo aberto promovida polo Concello reúne unha selección de 150 imaxes en paneis de gran formato, obra do deseñador Pepe Barro, que esta mañá apareceron cubertas con mensaxes como “no al comunismo” o “Paracuellos”.

“A xente confunde unha exposición de historia con facer política”, sinala Barro en conversa telefónica. “Eu creo que esa normalidade na que vivimos hoxe en día permite tocar este e calquera outro tema con serenidade. Este tipo de accións están fóra de lugar, como está fóra de lugar a defensa do franquismo, e moito máis o de volver a eses tempos”.

“Curiosamente estes días lembraba, a raíz dunha exposición sobre o cómic galego, que hai 43 anos unha mostra na que participaba tamén sufriu un atentado fascista. Houbo un intento de queimar parte duns orixinais. Afortunadamente púidose gardar nun faiado e hoxe foi posible volver a mostrala, menos algunha peza que foi queimada, aquí na cidade da Coruña.”

“Curiosamente estes días lembraba que hai 43 anos unha mostra sobre cómic na que participaba tamén sufriu un atentado fascista”, conta o autor da exposición.

O goberno municipal tamén condenou “os actos vandálicos perpetrados sobre a exposición a cero aberto”, inaugurada na véspera do Primeiro de Maio e que estes días fora trasladada á praza da Fábrica de Tabacos. “Era un risco que sabiamos que podía pasar. Pero ten outros vantaxes, que a viu moito xente e que a seguirá vendo probablemente. É unha decisión que ten que tomar o Concello, se restaurala, retirala ou mesmo deixala así, eu creo que son as tres opcións. O custo de substituír eses paneis por outros non sería moi grande”, apunta o autor do proxecto.

Unha mostra de imaxes sobre as loitas laborais da cidade procedentes de arquivos públicos e na que colaboraron organizacións como a Fundación 10 de Marzo-CC.OO, a Fundación Luís Tilve, a Fundación Moncho Reboiras, a Unión Anarcosindicalista da Coruña e o Proxecto interuniversitario “Nomes e Voces”. Unha exposición que foi obxecto de críticas por parte do PP local durante a súa presentación..

Sermos Galiza

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS