As persoas maiores de 55 anos serán a metade da poboación galega en 2031

O INE publicou este xoves as súas proxeccións demográficas para os vindeiros 15 anos no conxunto de España e nas distintas comunidades, de manterse as actuais tendencias de natalidade,...

O INE publicou este xoves as súas proxeccións demográficas para os vindeiros 15 anos no conxunto de España e nas distintas comunidades, de manterse as actuais tendencias de natalidade, incremento da esperanza de vida e movementos migratorios. O instituto estatístico prevé que Galicia terá no ano 2031 230.722 habitantes menos, pasando dos actuais 2.720.668 ata os 2.489.946, un descenso do 8,5%, só superado polo de Castela-León e Asturias, por riba do 10%.

Neste período España perdería medio millón de habitantes e tan só Baleares, Canarias, Cataluña, Madrid e Murcia gañarían poboación. A proxección debulla os seus datos por provincias, indicando que neste período A Coruña perdería 86 mil habitantes, Pontevedra 67 mil, Lugo 38 mil e Ourense case 40 mil, un 13% do total.

O INE prevé que Galicia terá no ano 2031 230.722 habitantes menos, pasando dos actuais 2.720.668 ata os 2.489.946, un descenso do 8,5%

Nese ano 2031, a metade da poboación galega tería máis de 55 anos (1.194.095 persoas) e 780.011 superarían os 65 anos, un terzo do total. Mentres, os e as menores de 18 só serían 312.580, e os e as menores de 35 ficarían en 694.518. O índice de dependencia senil (relación entre a poboación maior de 65 e a poboación en idade activa), o índice de envellecemento (relación entre a poboación maior de 65 e a menor de 20) e o índice de sobreenvellecmeento (relación entre a poboación maior de 85 sobre o total de poboación maior de 65) seguirían crecendo, o mesmo que o índice de recambio da poboación en idade activa, próximo ao 200% (é dicir, case dúas persoas entre 60 e 64 anos por cada persoa entre 15 e 19)

1985 2000 2015 2031
% de poboación menor de 20 29,4 19 15,8 13,46
% de poboación maior de 65 14,4 20,3 24 31,33
Índice de dependencia senil 22,6 30,2 37,4 53,41
Índice de envellecemento 49 107,1 151,9 232,8
Índice de sobreenvellecemento 7,7 11,3 16,5 19,36
Índice de recambio da poboación en idade activa 67,9 84,9 161,2 190,57

 

Continuará o descenso da natalidade

Este acusado descenso demográfico é produto, sobre todo, duns moi baixos indicadores de natalidade. A proxección do INE prevé que no ano 2030 a taxa bruta de natalidade se sitúe no 5 por 1000, fronte ao actual 6,85. Nese ano, segundo esta estimación, nacerían 12.490 nenos e nenas en Galicia (seis mil menos que na actualidade) e morrerían 32.085 persoas (un número semellante ao actual: 31.265). No 2030, ademais, o 41% deses nacementos (5.125) serán con nais de máis de 35 anos e outros 4.045 con nais entre 30 e 34 anos; tan só unha cuarta parte (3.320) dos partos terán como protagonistas mulleres de menos de 30 anos.

Este acusado descenso demográfico é produto, sobre todo, duns moi baixos indicadores de natalidade. A proxección do INE prevé que no ano 2030 a taxa bruta de natalidade se sitúe no 5 por 1000, fronte ao actual 6,85

Semella que o único que pode inverter esta tendencia negativa é a chegada de moita máis poboación inmigrante a Galicia, de xeito que se incremente o número de persoas novas. No 2015 o saldo migratorio galego foi negativo (-774), con 30.707 persoas que marcharon ao estranxeiro e só 29.933 que chegaron dende fóra. As proxeccións do INE prevén que no período 2016-2031 ao redor de 167.000 persoas cheguen a Galicia dende outros países, e que outras 141.000 marchen dende Galicia a destinos fóra de España. O saldo migratorio galego cos restantes territorios do Estado sería lixeiramente negativo neste período (-826 no conxunto dos 15 anos).

No 2031 a sección máis ancha da pirámide trasládase a un lugar aínda máis elevado, sendo a xeración que daquela terá entre 50 e 60 anos a maioritaria

A pirámide demográfica resultante acentúa a súa forma regresiva. Xa na actualidade a pirámide ten unha base moi estreita e acada os seus valores máximos nos grupos de idade de 35 a 50 anos. No 2031 a sección máis ancha da pirámide trasládase a un lugar aínda máis elevado, sendo a xeración que daquela terá entre 50 e 60 anos a maioritaria.

 

http://praza.gal

Categorías
Acontece

RELACIONADAS