“As irmás Touza salvaron á metade de xente que Schindler, pero sen ningún medio económico”

As irmáns Touza, chamadas as “Schindler galegas”, serán as protagonistas dun filme de Hollywood que está en preparación e que se rodará en 2018 en Galiza, Madrid e Nova York.

Falamos co seu guionista, Emilio Ruiz Barrachina, que ademais vén de publicar a súa historia nunha novela que, como o filme, se titula ‘Estación Libertad’.

“A intención é dar a coñecer a historia das irmás Touza fóra das nosas fronteiras”

– Como coñeciches a historia das irmás Touza?
– Fará agora tres anos. Estaba rodando para a TVG un documental sobre o caso Metílico e unha das persoas que traballaba alí, Fernando Méndez, ao pasar por Ribadavia díxome que alí acontecera unha historia fantástica que algún día habería que levar ao cinema. E fomos á estación, contoume máis, amosoume onde estaba a cantina, que agora é un xardín, onde lle fixeron unha homenaxe. Fascinoume a historia, púxenme a investigar e o primeiro que fixen foi o guión. Eu primeiro penseino como un filme, e a raíz do guión, a editorial La Esfera propúxome ampliar a historia e contar máis.

– Supoño que te mergullarías na historia real. Pero quen foron as túas principais fontes? Porque as Touza morreron sen contar nada, non?
– É unha historia baseada en feitos reais, pero ficcionada, por unha razón: hai moitos libros que se escribiron: a biografía das irmás, algunha tv-movie… A historia real delas é bastante coñecida. Pero elas nunca contaron nada. A historia descóbrese no ano 74 cando un alemán que vivía en Nova York, pídelle a un amigo galego que vivía en Manhattan que cando fora de vacacións a Galiza que por favor contactara con estas irmás para darlle as grazas por terlle salvado a vida. Esta persoa chega, contacta cun libreiro de Monforte, e localízaas e escribe a historia. Ese é o punto de partida a partir do cal os investigadores e a súa propia familia comezan a saber, até ese momento ninguén sabía nada. Ese é o xerme de toda a historia. A partir de aí, que fixen eu? Primeiro poñelo en linguaxe cinematográfica, e dotar a narrativa da ficción necesaria para que interese ao público. A historia real xa estaba contada. Agora a intención deste libro, ademais do filme, é dar a coñecer a historia das irmás Touza dun xeito máis popular, fóra das nosas fronteiras, porque creo que é unha historia de solidariedade, de amor desinteresado polo ser humano, que nestes momentos que corren, merece se contada.

A historia descóbrese no ano 74 cando un alemán que vivía en Nova York, pídelle a un amigo galego que vivía en Manhattan que cando fora de vacacións a Galiza que por favor contactara con estas irmás para darlle as grazas por terlle salvado a vida.

– O punto de vista desde o que o contas, tanto na novela coma no guión, é o mesmo ou daslle diferentes enfoques?
– É o mesmo. ‘Estación Libertad’ é o nome clave que tiña a estación de Ribadavia na II Guerra Mundial nos anos 40, que é cando as irmás levan a cabo todo este labor humanitario, xogándose o pelexo para pasar a uns 500 refuxiados, a maioría deles xudeus, aínda que non todos, a Portugal para que embarcasen cara a América. En realidade o que eu conto, ademais da historia delas, que é o punto central, sobre todo de Lola, que é a máis implicada, é a vida da estación, por iso se chama así. É un pouco todo o que sucede arredor delas nesta estación. Eu no libro indago máis na xente que chegaba, porque isto si que é un punto até agora bastante descoñecido. Que tipo de xente chegaba para pedirlle axuda ás irmás e a toda a rede que elas tiñan organizada: o taxista, a xente que os pasaba en barco polo Miño… con moitos excombatentes republicanos, pero había xente de todo tipo. O taxista que os axudaba fora chofer de Millán Astray, por exemplo. Esta xente chegaba en condicións críticas, porque era unha viaxe moi dura, tiñan que atravesar as liñas alemanas, cruzar os Pirineos de incógnito… Era xente que tiña un certo poder económico. Era moi difícil chegar, imaxina España nos anos 40. Non era barato. E a xente pregunta: por que non embarcaban noutros portos? Porque no encontro en Hendaia entre Hitler e Franco, este último autoriza a axentes alemáns para que puideran entrar en España para vixiar as minas de wolframio, e tamén para vixiar os portos para que non fuxisen xudeus. A costa atlántica europea estaba tomada polos alemáns e a parte española tamén pola Garda Civil. O único recurso que quedaba era ir até Portugal.

É unha historia de solidariedade, de amor desinteresado polo ser humano, que nestes momentos que corren, merece ser contada.

– A túa novela xa está nas librarías. E en que punto está o filme?
– O guión fíxose antes que a novela, ademais fíxeno directamente en inglés para que puidera trascender as fronteiras e se lle puidese dar ás irmás o recoñecemento que merecen a nivel de coñecemento popular. Elas foron homenaxeadas polo pobo xudeu en Israel, teñen unha árbore prantada nos outeiros de Xerusalén. A súa historia é coñecida, pero non tanto como se merecen. Se as comparamos con Schindler, para min teñen un valor engadido con respecto a el, porque Schindler era unha persoa poderosa, afiliada ao Partido Nazi, con moitos cartos, e -sen restarlle ningún mérito ao que fixo-, as irmás Touza non contaban con ningún medio económico, de feito, tiñan que organizar e moitas ocasións no Casino bailes, rifas, etc. E tiñan que facer todo isto sen que ninguén o soubera, porque estaban os alemáns, a Garda Civil, non era tarefa doada. E aínda así lograron salvar máis ou menos á metade de xente que Schindler, pero sen ningún medio e sen ningunha posibilidade económica.

– Ademais non cobraban nada, non?
– Nunca, xamais. Ademais, elas xa viñan facendo labores humanitarios de antes, porque o patio da súa casa en Ribadavia daba ao patio da cárcere municipal, e na Guerra axudaban aos presos, levábanlle alimentos, mensaxes… O tema xa viña de antes, cunha tradición persoal de axuda coa xente que máis o precisaba. Por iso creo que é unha historia que se debe coñecer fóra.

‘Estación Libertad’ é o nome clave que tiña a estación de Ribadavia na II Guerra Mundial nos anos 40, que é cando as irmás se xogan o pelexo para pasar a uns 500 refuxiados, a maioría deles xudeus, a Portugal.

– A súa familia era republicana ou esquerdista? Hai algún dato neste sentido?
– A maioría foran combatentes do bando republicano, pero non creo que o fixeran por política, sinceramente. Creo que o fixeron por humanidade. É que todo isto está moi ligado ao contrabando daquel entón. Aqueles pobos fronteirizos ou case, vivían do contrabando con Portugal, e por iso era posible pasar xente a Portugal, onde outro grupo de portugueses os axudaba a pasar até Porto ou Lisboa, máis que polo tema político, que tamén é verdade que había aí moito combatente, polo tema humanitario e económico. Se non houbese estas redes de estraperlo, non tería sido posible pasalos a Portugal.

– Volvendo ao filme, xa hai director ou directora? Protagonistas? Cando se rodará?
– Non, aínda están a buscar as persoas axeitadas. Eu xa fixen o guión, indicáronme algunhas correccións que estou facendo co resto dos guionistas, porque queren que as escenas teñan máis acción. E a min paréceme ben sempre que non se desvirtúe a esencia da historia que se está a contar. Moitas veces cando escribimos guións en España achicámonos un pouco pensando en que como non vai haber cartos pois xa non metemos escenas complicadas para non encarecer a produción. Aquí é ao revés, hai que meter acción, máis explosións, máis de todo… Agora estou nese proceso, estou sendo asesorado por guionistas americanos que saben máis disto que nós. Aquí aínda estamos aprendendo a facer acción.

Elas xa viñan facendo labores humanitarios de antes, porque o patio da súa casa en Ribadavia daba ao patio da cárcere municipal, e na Guerra axudaban aos presos, levábanlle alimentos, mensaxes…

– É unha coprodución hispano-estadounidense?
– É unha coprodución porque aquí rodarase moito. A nós gustarianos que todo se contase tal e como foi, pero houbo que adaptalo. Eu creo que tamén habería que facer un documental, pero un filme ten que ter unha narrativa que non se corresponde exactamente coa realidade. As irmás rexentaban un quiosco pequeniño, onde abaixo tiñan unha especie de almacén, onde tiñan as cousas de contrabando. E aí é onde algunha vez agocharon a xente pasa pasalas a Portugal. Pero tíñanos horas, porque non tiñan ali xeito de gardar xente moito tempo. E no filme teñen que esconder xente máis tempo, a cantina convírtese nunha señora cantina de estación, porque hai que contar as cousas visualmente para que atraian. E isto é un pouco o que se está facer. Supoño que se rodará en 2018. Rodarase en Galiza, claro, pero non na ponte real, que está rodeada de estruturas modernas, senón no canón do Sil, que é moito máis espectacular. Non prexudica a historia, pero dá moito máis xogo. Logo a parte dos trens hai que rodalo en Madrid, porque é onde está a única vía onde se poden meter trens de vapor.

– E tamén en Nova York, non?
– Si, porque a historia conta como unha persoa despois de 60 anos volve buscar o seu pasado. Un galego, que viviu todo isto como un neno, volve a contar todo o que pasou e tamén a contar por que non regresou en 60 anos. Ese é o fío condutor da historia. Ten algo da ‘Lista de Schindler’ pero tamén de ‘Cinema Paradiso’, de regreso ao comezo.

R. Castro – Sermos Galiza

Categorías
Cultura

RELACIONADAS