Ampliación ilegal da granxa de visóns en A Baña

As consecuencias da prohibición hai catro anos (18-12-201) das granxas de visón en Holanda (terceiro produtor mundial) a partires de 2024 (máis) continúan a sentirse na proliferación de novas...
Imaxe: TheAnimalDay.org - cc

As consecuencias da prohibición hai catro anos (18-12-201) das granxas de visón en Holanda (terceiro produtor mundial) a partires de 2024 (máis) continúan a sentirse na proliferación de novas granxas ou ampliación das existentes en Galicia. O último caso, polo de agora, é unha segunda ampliación da granxa existente en Troitosende (A Baña, A Coruña).

: Foto aérea coa granxa pillada “in fraganti” en 2014 coas obras de ampliación non autorizadas. Imaxe PNOA cedida por © Instituto Geográfico Nacional – Xunta de Galicia

A granxa, con permiso para só 2 naves dende 1991, pero que xa contaba con 4 naves alomenos dende 2002-03, mercouna a empresa Matomba Mink Farm, SL para a que consta como administrador único Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e como apoderada Marta Maria Blanco Vispo (ver recadro abaixo). Cunha enorme desfachatez “galaico-holandesa” a empresa Matomba Mink Farm, SL construiu sen permiso 7 naves adicionais en 2014 e agora ven de presentar un “Proxecto de adecuación, modernización, reforma e legalización de instalacións en explotación de cría de visóns”.

O proxecto está suxeito a avaliación de impacto ambiental simplificada pois está incluido nos supostos contemplados no artigo 7.2.b. da Lei 21/2013 de avaliación ambiental ao poder afectar de xeito apreciable, directa ou indirectamente, a espazos protexidos da Rede Natura 2000, pois a granxa atópase a 1,3 km do río Tambre, augas arriba da Zona de Especial Conservación ES1110016 Río Tambre. Xa que logo, tal como actuaron os promotores cometeron unha falta grave segundo a Lei 21/2013 de avaliación ambiental, polo que SGHN ven de solicitar á Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental (máis…) que abra un expediente sancionador contra Matomba Mink Farm, SL, Petrus Gerardus Raijmakers Lambertus e Marta María Blanco Vispo e, tratándose dunha instalación tan perigosa para a biodiversidade, se lles impoña a máxima sanción posible por falta grave 240.400 euros e, ademais, que se proceda á clausura e precintado inmediatos de todas as naves que carecen dos preceptivos permisos legais.

Por outra banda, no caso de que os promotores intenten continuar coa tramitación do proxecto, SGHN solicitou que se someta a avaliación de impacto ambiental e que o estudio correspondente avalíe con seriedade e rigor os efectos sobre todas as especies incluidas no anexo I da Directiva Aves, nos Anexos IV e V da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e a Biodiversidade, nos Libros Vermellos estatais e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas presentes na zona e nos LICs máis próximos, e que poderían sufrir a depredación ou a competencia, por visóns fuxidos ou “ceibados”.

Finalmente, no caso de aprobarse o proxecto, se esixa á empresa promotora que:

Todos os animais reprodutores estean obrigatoriamente provistos dun collar con radiotransmisor que permita a súa localización, captura e erradicación en caso de que cheguen ao medio natural.

Todos os animais non reprodutores sexan esterilizados ao nacer ou estean provistos dun radiotransmisor como o indicado no punto anterior.

Contrate un seguro de responsabilidade civil para facer fronte a todos os gastos que as Administracións públicas teñan que efectuar para localizar, capturar e erradicar os visóns fuxidos ou “liberados” da granxa.

A “conexión galega” para as granxas de visón americano: Marta Maria Blanco Vispo mantén múltiples e estreitas vinculacións con empresas peleteiras en Galicia:

Agapel Pelting SL (apoderada)
Blomvis Spain SL (foi apoderada)
European Minkfarm Rooijakkers SL (apoderada)
Galimink, SL (apoderada)
Katmink, SL (apoderada)
Matomba Mink Farm, SL (apoderada)
Productos y Mixturas para Alimentación Animal SL (Secretaria e Conselleira)
Rijo Mink Europe, SL (apoderada)

Sociedade Galega de Historia Natural

Categorías
Ecoloxía

RELACIONADAS