Amigos das árbores salvan os pradairos da Limia

A Xunta de Galiza recúa e reformula o proxecto de mellora de infraestruturas da Av. De Celanova de Xinzo de Limia para que non haxa que talar as árbores. A plataforma veciñal Amigos das Árbores leva loitando por esta modificación da proposta dende que se coñeceu a decisión de cortar os pradairos que bordean esta vía.

A Consellaría de Infraestruturas e Vivendas vén de anunciar a modificación deste proxecto que, até o de agora, supuña a fin das árbores que abeiran unha das calzadas de entrada á vila. A plataforma Amigos das árbores da Limia nace co propósito de evitar a tala, obxectivo que semella ter conseguido tras semanas de ardua loita.

A decisión da Xunta foi tomada despois de que o concello de Xinzo de Limia lle solicitase unha modificación do proxecto en resposta ás peticións das veciñas e veciños. A titularidade desta avenida será trasladada ao concello da vila para que se proceda á súa transformación de acordo coa súa condición de vía urbana e mantendo as árbores.

Imaxe realizada por Davila para evitar a tala

Dende a plataforma veciñal manifestan a súa satisfacción e alivio pola decisión tomada: “Estamos moi satisfeitos co traballo realizado para concienciar e mobilizar os limiaos e limiás contra a desfeita que ían acometer. Acabamos de conseguir unha rúa arborada para a cidadanía e non unha estrada para o tráfico, principalmente de grande tonelaxe, como pretendían”.

Amigos das Árbores da Limia afirma que é “fundamental que se protexan as árbores da Avenida de Celanova-Estrada de San Mateo” e pide “que os plátanos de sombra se inclúan no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia como conxunto arbóreo singular”. Os portavoces da plataforma declaran ademais que estarán atentos aos coidados e tratamentos que reciban os pradairos para que se cumpran os criterios da arboricultura moderna.

robertovilar

Esta segunda feira 15 de maio, tivo lugar un encontro entre a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz, e representantes veciñais. A delegada territorial expuxo o novo proxecto e declarou que o problema de seguridade viaria no que se escudaban para non modificar o proxecto sería solucionado coa canalización do tráfico a través dun treito de circunvalación. Deste xeito, a Avenida de Celanova pasaría a ser unha vía urbana abeirada por pradairos. Marisol Día declarou, aliás, que o investimento do goberno galego na obra segue en pé.

BEATRIZ G. CANEDA / SERMOS

Categorías
Ecoloxía

RELACIONADAS