Agresión Homófoba na Coruña durante a noite de fin de ano

Vimos de ter coñecemento de que na noite de Fin de Ano se produciu unha agresión de carácter homófobo na cidade da Coruña. Dous mozos agrediron a outro chegando...
© Ernesto Ilkermn

Vimos de ter coñecemento de que na noite de Fin de Ano se produciu unha agresión de carácter homófobo na cidade da Coruña. Dous mozos agrediron a outro chegando incluso a roubarlle as súas pertenzas, polo mero feito de ser gai. Ademais de escoitar insultos, este rapaz tamén recibiu unha malleira ata acabar cun ataque de pánico que o deixou sen forzas para reaccionar.

Dende a Asemblea LGTBI de Galiza Nova queremos mostrar a nosa máis enérxica repulsa por este acto e tamén mostrar a nosa solidadariedade co compañeiro agredido.

Nunha sociedade dominada polo heteropatriarcado, a violencia LGTBIfóbica aínda goza de certa impunidade, chegando a ser o delito de odio máis frecuente no Estado español. O feito de ser trans, gai ou ser muller mantennos nunha tensión continua en situacións tan correntes coma camiñar tranquilamente pola rúa. A ausencia dunha lexislación que identifique estes tipos de violencia e impoña sancións específicas, fai que a situación se agrave e que a inmensa maioría destes delitos queden impunes ou mesmo sen denunciar, xa que a vítima en moitos casos vese totalmente desamparada ante a lei.

Dende Galiza Nova unha vez máis condenamos enerxicamente a LGTBifobia e a súa violencia, e por extensión opoñémonos a tódas as formas de violencia mediante as cales o sistema heteropatriarcal nos oprime. Por iso reiteramos a nosa implicación e fondo compromiso coa loita polos dereitos de identidade de xénero e de liberdades sexuais.

galizanova.gal

Categorías
Xéneros e Sexualidades

RELACIONADAS