[Acto investidura] Feijóo, en castelán, di que España terá “un aliado fiel” no seu Goberno

Volveron as gaitas ao Obradoiro para conmemorar a toma de posesión dun presidente galego, un acto en que a lingua española foi a protagonista.
Fotos: @marianorajoy

Na súa terceira investidura, Alberto Núñez Feijóo encomendou Galiza ao Apóstolo e, cun discurso centralista, asegurou que o país “puede y quiere ser un modelo de estabilidad para España”.

En castelán. Así ofreceu o seu discurso de toma de posesión como presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, quen asegurou que Galiza “no pedirá más de lo que le corresponde ni se conformará con menos”. Sinalou que o país “puede y quiere ser un modelo de estabilidad” para España, que no seu Goberno terá “un aliado fiel”.

No acto institucional que tivo lugar no Parlamento e ao que acudiron os líderes da oposición, Feijóo salientou que Galiza “sabe lo que quiere” após a reforzada maioría absoluta lograda polo PP e presumiu, máis unha vez, de “estabilidad política y institucional”. Este será, apuntou, un “requisito esencial” para afrontar os retos do futuro.

Prometeu ser “con orgullo y con permanente lealtad a España” o “representante ordinario” do Estado na Galiza

A respeito da cuestión territorial, o presidente da Xunta lembrou que Galiza forma parte da “nación española” e da “Unión Europea, a la que nos vinculan pasados, valores y objetivos comunes”. Prometeu ser “con orgullo y con permanente lealtad a España” o “representante ordinario” do Estado na Galiza e aseverou que o país non estará ausente en ningún debate territorial que cuestione a “soberanía común” e “un financiamiento justo” para todos os cidadáns e todas as comunidades autónomas.

Reaccións da oposición

As reaccións a respeito do discurso de Feijóo, que tratou de darse un baño de masas no Obradoiro coa recuperación do acto que suspendera en 2012 “pola crise”, non tardaron en sucederse. O portavoz parlamentar de En Marea, Luís Villares, cualificou de “gris” o discurso de Feijóo e denunciou a “nula ambición de autogoberno” e a “falta de referencia social”.

 

Xoaquín Fernández Leiceaga sinalou que na nova lexislatura “poderá haber puntos de consenso” aínda que se amosou consciente de que haberá temas en que “as visións non coincidan”.

Ana Pontón, portavoz parlamentar do BNG”, sinalou que Feijóo “fixo un discurso de partido” e criticouno por poñer “os intereses de España por riba dos de Galiza”. Aliás, a nacionalista lamentou que o presidente da Xunta “perdera a ocasión de exercer como galego en lingua galega”.

Rajoy nomea Feijóo presidente de la Junta de Galicia

O acto de toma de posesión de Feijóo como presidente da Xunta de Galiza veu precedido da publicación no BOE do nomeamento de Feijóo como presidente de “la Junta de Galicia”. Desta maneira, o boletín español deturpa a forma galega e oficial da institución que ostenta o goberno do país.

Artigo: M. Obelleiro – Sermos Galiza

Categorías
Política

RELACIONADAS