“Acoso e despidos” no Grupo Antolín en Vigo

Comisións alerta que o grupo Antolín persegue e finalmente despide os empregados que non se amoldan aos ditames da empresa.
Grupo Antolín en Vigo

Comisións Obreiras (CCOO) presentou o pasado martes, 20 de decembro, unha denuncia na Inspección de Traballo por «acoso, persecución e discriminación laboral» no Grupo Antolín Vigo. O sindicato adoptou esta decisión tras non recibir resposta satisfactoria por parte do responsable de recursos humanos da empresa, en cuxo coñecemento se puxeran as irregularidades que agora expón publicamente o sindicato.

Segundo a sección sindical de CCOO, os feitos remóntanse a maio do ano 2013, cando o devandito responsable de recursos humanos anunciou nun acto público a creación dun proxecto chamado Semente, definido como «un grupo de xente que se significou positivamente por ser empresa». Co Proxecto Semente, «quixemos encarnar en persoas eses valores do Grupo Antolín para que a xestión do cambio teña un terzo de ‘crentes’».

Para CCOO, este anuncio foi «un anticipo» da situación que se viviría posteriormente na empresa. O proxecto, renomeado como Antolines, divide o persoal en dous grupos diferenciados —malia teren a mesma categoría ou funcións asignadas—: por unha banda están os denominados ‘crentes’, como os chama o responsable de recursos humanos, e por outra está o resto.

Os ‘crentes’ ou ‘antolines’ reciben, segundo o sidnicato, formación especial, son premiados con ascensos, participan en visitas ou excursións organizadas pola dirección da compañía e aparecen destacados na revista corporativa do grupo, entre outros privilexios.

Pola súa parte, os que non reciben esta consideración son «sinalados de xeito público», comezando pola súa exclusión do grupo de ‘antolines’, sofren todo tipo de presións —berros, ameazas, coaccións, etc.— e a situación rematou xa en moitos casos con despedimentos «disciplinarios». CCOO sinala que foron aproximadamente vinte as persoas despedidas nos últimos tempos, seis este mesmo ano; en todos os casos, con acordos de improcedencia no Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

A empresa

O Grupo Antolín é unha multinacional implantada en 26 países, con 161 plantas produtivas e centros ‘xusto a tempo’ (just in time), ademais de 25 oficinas técnico-comerciais. En Vigo conta con case un cento de traballadoras e traballadores e fabrica os asentos traseiros do modelo B78 e do novo proxecto K9 de PSA Peugeot-Citroën Vigo.

Galicia Confidencial

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS