A Xunta ignora a participación cidadá na protección da paisaxe galega

Parques eólicos, liñas eléctricas aéreas de alta tensión, actividades extractivas a ceo aberto, eucaliptais e cultivos enerxeticos, todo vale nas áreas de especial interese paisaxístico que contempla o proxecto das directrices das paisaxes da Galiza da consellería de medio ambiente da Xunta de Galiza. En fase de consulta pública ata o vindeiro día 2 de Marzal.
desembocadura do río Lourido, tritutario do río Anllóns, Zona de Especial Conservación da Rede Natura.

Tres entidades ambientais (Asociación Petón do Lobo, a Asociación “O ouriol do Anllóns” e a Asociación ambiental Cova Crea) rexeitan este documento e instan á Xunta de Galicia a súa revisión profunda. O proxecto vulnera a normativa vixente e é unha fraude á vontade da cidadanía participante nos distintos talleres levados a cabo por toda Galiza para a súa elaboración.

O proxecto de directrices das paisaxes debe mellorar a calidade paisaxística ou como mínimo, non provocar un deterioro da mesma, polo tanto, as actividades extractivas a ceo aberto, os parques eólicos, os cultivos enerxéticos e as liñas aéreas de alta tensión son incompatibles e constitúen usos prohibidos nas áreas de especial interés paisaxístico.

Na páxina 411 e seguintes do borrador das Directrices da paisaxe de Galicia contémplase as actividades extractivas a ceo aberto nas Áreas de Especial Interés Paisaxístico e realízanse referencias ao Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia.

carballeira no val fluvial do Lourido

Chama poderosamente a atención que un documento no que a participación pública supostamente foi decisiva para a súa elaboración, ao igual que para a determinación dos criterios de calidade paisaxística e de determinación das directrices da paisaxe, se recolla a posiblidade de actividades extractivas naqueles espazos que polos seus valores paisaxísticos intrínsecos son obxecto de escolla por parte da cidadanía como merecedores de especial protección.

Segundo o Convenio europeo da Paisaxe, por “protección das paisaxes” entenderanse as accións encamiñadas a conservar e manter os aspectos significativos ou característicos dunha paisaxe, xustificadas polo seu valor patrimonial derivado da súa configuración natural e/ou a acción do home.

A ACTIVIDADE EXTRATIVA É UN USO PROHIBIDO NAS ÁREAS DE ESPECIAL INTERÉS PAISAXÍSTICO. Isto é así porque elimina a súa funcionalidade e os valores prevalentes que son obxecto de protección, xera uns impactos significativos irreversibles que precisamente destruen e non permiten recuperar os valores que detentan os espazos obxecto de protección.

Se a Lei da Paisaxe, os Catálogos da Paisaxe e as Directrices das paisaxes, a través dos órganos directamente responsables, isto é, o Instituto de Estudos do Territorio e a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio non protexen á paisaxe, como ou quen a vai a protexer?

Por outra banda a Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade establece entre os seus principios:

“f) A prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística e os supostos básicos da devandita prevalencia.

  1. g) A precaución nas intervencións que poidan afectar a espazos naturais ou especies silvestres.
  2. h) A garantía da información á cidadanía e concienciación sobre a importancia da biodiversidade, así como a súa participación no deseño e execución das políticas públicas, incluída a elaboración de disposicións de carácter xeral, dirixidas á consecución dos obxectivos desta lei.
  3. i) A prevención dos problemas emerxentes consecuencia do cambio climático, a mitigación e adaptación ao mesmo, así como a loita contra os seus efectos adversos”.

En relación ás paisaxes protexidas o Artigo 35 “As Paisaxes Protexidas” do citado texto legal establece que:

“1. Paisaxes Protexidas son partes do territorio que as Administracións competentes, a través do plan aplicable, polos seus valores naturais, estéticos e culturais, e de acordo co Convenio da paisaxe do Consello de Europa, consideren merecedores dunha protección especial.

  1. Os obxectivos principais da xestión das Paisaxes Protexidas son os seguintes:
  2. a) A conservación dos valores singulares que os caracterizan.
  3. b) A preservación da interacción armoniosa entre a natureza e a cultura nunha zona determinada.
  4. Nas Paisaxes Protexidas procurarase o mantemento das prácticas de carácter tradicional que contribúan á preservación dos seus valores e recursos naturais”.

Por tanto, nada refire o texto a actividades extractivas.

FALLA A LEXITIMIDADE DO PROXECTO DAS DIRECTRICES DA PAISAXE PORQUE NON RESPETA A VONTADE DA CIDADANÍA QUE PARTICIPOU NOS TALLERES LEVADOS A CABO PARA A SÚA ELABORACIÓN.

Vulnérase por tanto o Convenio europeo da Paisaxe que recolle a participación cidadá como elemento chave para a protección das paisaxes, a elaboración dos catálogos das paisaxes e as súas directrices.

 

 

Categorías
Ecoloxía

RELACIONADAS