A Xunta de Galiza quere suprimir as áreas sanitarias da Mariña e Monforte

O Partido Popular volve a carga coa supresión das areas sanitarias da Mariña e Monforte.

O pasado 2 de Agosto o consello da Xunta de Galiza aprobou un anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galiza no que se propón a supresión das areas sanitarias da Mariña, Monforte, O Salnés e Valdeorras e a dependencia orgánica das mesmas dos hospitais situados nas cabeceiras da provincia. A idea de suprimir as areas da Mariña e Monforte remontase a Xullo de 2009, cando a entón Conselleira de Sanidade Pilar Farjas anunciou a medida durante unha visita ao Hospital de Burela, abrindo a caixa dos tronos para unha protesta social sen precedentes na Mariña e na Ribeira Sacra. As masivas mobilizacións en Monforte, varias das cales superaron a participación de 10.000 persoas coa Praza do Cardeal ateigada, as protestas multitudinarias tamén na Mariña, provocando mesmamente que o PP tivese que celebrar o seu congreso provincial protexido baixo un nutrido cordón provincial, levaron á Xunta de Galiza a retirar a proposta nas vésperas das eleccións municipais de 2015.

A proposta da Xunta implica a centralización dos servizos hospitalarios na capital da provincia e  a conseguinte perda de servizos e especialidades en Burela e Monforte.

As consecuencias desta decisión resultan claramente prexudiciais para o conxunto da poboación da provincia de Lugo e de xeito moi particular para as preto de 80.000 persoas adscritas a area sanitaria da Mariña e as máis de 50.000 que fan parte da de Monforte. A dependencia orgánica do Hospital de Lugo dos centros de Burela e Monforte implica a centralización dos servizos hospitalarios na capital da provincia e  a conseguinte perda de servizos e especialidades en Burela e Monforte así como desprazamentos constantes da poboación da Mariña e da Ribeira Sacra, nalgúns casos a máis de hora e media de viaxe, ao Hospital de Lugo para realizar probas e consultas que ate agora realizaban nas súas comarcas. O novo modelo provocaría tamén graves efectos para os residentes da area sanitaria de Lugo, xa que provocaría unha masificación no seu  hospital de referencia, aspecto isto que beneficiará sen dúbida algunha aos centros privados de Lugo ao aumentar o número de usuarios derivados da pública.

 

O novo modelo de xestión sanitaria promovido pola Xunta de Galiza responde ao esquema españolizador e privatizador do Partido Popular. Así reforzase o papel das capitais de provincia e xa que logo destas unidades político administrativas centrais na conformación da actual estrutura unitaria do Estado Español, en detrimento das comarcas. Un exemplo da forza que ten este deseño ideolóxico atopámolo no caso de Monforte, situado a quince minutos de Ourense e que pola contra fica ligado a Lugo, cidade da que se atopa a máis dunha hora. Asemade estamos diante dunha medida que vai ter un forte impacto nas economías de Burela e de Monforte, xa que nun caso é outro os hospitais son o centro de traballo con máis man de obra ocupada das súas localidades, dándose o caso  que o de Monforte é o máis importante empregador da comarca da Ribeira Sacra. A destrución de empregos directos na sanidade polo traslado a Lugo de moitos dos servizos, sumáselle os efectos que vai provocar nunha serie de actividades comerciais dependentes ou asociadas destes dous centros sanitarios. Ao tempo dáselle un novo pulo ao proceso privatizador da sanidade, dado que é na capital da provincia onde se atopan os hospitais privados, cuxa carteira  de clientes aumentará a consecuencia da centralización sanitaria.

A supresión das areas sanitarias vai provocar un forte impacto nas economías de Burela e de Monforte, xa que nun caso é outro os hospitais son o principal centro de traballo das localidades

A resposta das forzas políticas da oposición non se fixo agardar. O mesmo día que a Xunta de Galiza facía publico o seu proxecto, a dirección do  Bloque Nacionalista Galego na Mariña e en Monforte  denunciaban que esta decisión certificaba a morte das respectivas  areas sanitarias ao tempo que criticaba a tramitación da reforma en pleno mes de agosto dando só quince días para que os axentes interesados puideran alegar contra o proxecto. Este intento de levar adiante pola porta de atrás, aproveitando o período estival,  a supresión da area sanitaria da Mariña mereceu tamén o rexeitamento do alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, quen anunciou a presentación de alegacións á proposta da Xunta. Se desde a oposición, as entidades sociais e  boa parte dos concellos dunha e doutra comarca agardase unha resposta contundente a este novo intento de supresión das areas sanitarias, está por ver a xestión o Partido Popular fai do conflito. O único que fica claro nas filas dos populares é que os máximos responsábeis desta organización enganaron aos lucenses sobre este tema, comezando polo presidente Núñez Feixoo que desde 2011 negou repetidamente, incluso en sé parlamentaria, a posibilidade de supresión das areas sanitarias.

 

LUCÍA RODRÍGUEZ – sermosgaliza.gal

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS