A Xunta apoia requisar estreleiras en espazos deportivos

O deputado acusou á secretaria Xeral para o Deporte de poñer ao mesmo nivel a bandeira galega e símbolos que representan “intolerancia, violencia, e xenofobia” para xustificar as actuacións da policía nacional
Twitter NÓS

O parlamentario do BNG por Pontevedra, Luís Bará exhibiu  hoxe unha “bandeira galega” na comisión 1ª en protesta pola requisa deste símbolo en eventos deportivos. “Unha bandeira galega, democrática e legal” que  está sendo prohibida en determinados estadios e mesmo con actuacións da policía nacional e os servizos de seguridade privada, afirmou. O parlamentario foi chamado a orde pola presidenta da mesa da comisión e obrigado a retirar a bandeira.

Bará explicou que a exhibición de bandeiras galegas coa estrela vermella  son  “ legais e permitidas  e   símbolo de unha ideoloxía política democrática, tamén legal” pero  nalgúns eventos deportivos estás sendo   requisadas polas forzas de orde, feito que cualificou “de moi grave.

O último evento deportivo no que foron requisadas estas bandeiras,lembrou, tivo lugar no encontro de fútbol entre os equipos do Valladolid e Lugo no mes de abril pero no mes de xaneiro no partido entre o Celta e Leganés tamén aconteceu. A requisa das bandeiras non se cingue só ao fútbol en encontros de baloncesto tamén se producen.

O parlamentario asegurou que un siareiro do Deportivo foi retido durante trinta minutos por negarse a entregar a bandeira nacionalista galega e a afección do Lugo durante un partido da liga en Vallecas tamén foi obrigada a retirar as bandeiras, “unha requisa” que deu lugar a un comunicado das peñas de Lugo denunciando a “censura, represión e ataque de dereitos fundamentais”.

Para o deputado, a requisa das bandeiras representa un “ atentado contra a liberdade ideolóxica, conculca dereitos democráticos e supón a censura e represión de ideas políticas”. Esta actitude represiva, dixo, contrasta coa “permisividade” de exhibicións,  de símbolos e ideas de apoloxía do franquismo, “mesmo coa participación dalgún ex-ministro”. Por outra parte, despois de  solicitar a información que explique  a requisa de bandeiras galegas  “a Dirección Xeral de Policía denega esta información amparándose  no artigo 14 da lei de Transparencia”, a transparencia para amparar o escurantismo, ironizou o deputado.

A secretaria xeral para o deporte  respondeu ao nacionalista que as bandeiras no deporte son “as dos equipos que están no terreo de xogo,  e os símbolos políticos non teñen cabida nestes espazos”. As actuacións en materia deportiva “están reguladas” pola Comisión estatal, delegacións de goberno, secretaría de Estado e propio Ministerio de Interior.

Bará acusou a secretaria xeral de situarse “fora da lei e do respecto dos dereitos democráticos” pola súa exhibición de “sectarismo e intolerancia”. Dicir que os símbolos políticos non teñen cabida nun estadio, recalcou Bará,  “é grave”, son símbolos, “legais e democráticos” e dentro da liberdade de expresión temos o dereito de poder exhibilos en calquera lugar e sen limitación á liberdade de pensamento. Pero o máis grave, engadiu  o deputado, é poñer ao mesmo nivel a bandeira galega con símbolos que representan a “intolerancia, a violencia, e a  xenofobia”. Resulta perverso facer esta asociación porque xustifica as actuacións da policía nacional.

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS