“A precarización das condicións laborais no sector da automoción é alarmante”

XOÁN XOSÉ BOUZAS, SECRETARIO NACIONAL DE CIG-INDUSTRIA
Xoán X. Bouzas Aboi, 'Tupi'

A industria do automóbil move 19.000 empregos directos en Galiza e factura máis de 8.200 millóns de euros. Porén, ten unha cara oculta que o sindicato CIG sinala mediante unha campaña na que denuncia salarios baizos, ritmos inhumanos e precarización das condicións.

O sector da automoción galego acumula estatísticas para sacar o hipo. Rexistrou unha facturación superior aos 8.200 millóns de euros en 2015, representa o 31% das exportacións de Galiza, xera 19.000 empregos directos… Mais detrás deses datos hai unha realidade non tan coñecida e que nada ten a ver coa “publicidade” que fan PSA Citroën e o Cluster da Automoción.

– Falades de que hai unha cara oculta na automoción, un sector que é un dos alicerceds económicos galegos e que ten unha imaxe de ser competitivo, moderno, un espello para outros sectores

– Esa cara oculta pode resumirse en poucas palabras: precarización, externalización de servizos, deslocalización, ritmos de traballo abusivos ou competencia ficticia, entre outras. É certo que factura 8.000 millóns de euros e que representa uns 19.000 postos de traballo directos. Galiza produce o 15% dos automóbiles de todo o Estado español. Mais todo isto está a pasar mentres o empeoramento das condicións de traballo agravouse de forma máis que preocupante. Isto producíuse por dúas vías principais. A primeira, que cada vez máis se externalizan máis os procesos a empresas de servizos. Isto que significa? Que hai empresas que teñen convenios moito peores que a firma que lles externaliza ese proceso, polo que se produce un abaratamento da man de obra pois os soldos son considerabelmente inferiores. Isto é empregado tamén para presionar os operarios da firma principal, que teñen mellores salarios e condicións, para que acepten rebaixas.

Nos últimos anos en Galiza perdéronse centos de postos de traballo mentres que en Portugal creáronse 6.000 empregos nese mesmo sector. Non é casualidade

– Falabas de dúas vías nese proceso de precarización das condicións laborais no sector da automoción de Galiza. Cal sería a outra?

– A outra é o que se pode denominar ‘competencia ficticia’. As empresas crean outra empresa paralela, que vén sendo do mesmo grupo, mais con peores condicións laborais. Na realidade teñen todo planificado previamente, e así procuran  coaccionar o persoal e lograr rebaixar as condicións laborais da empresa cunha mellor situación.

– E a vía da deslocalización gañando cada vez máis terreo

– Nos últimos anos en Galiza perdéronse centos de postos de traballo mentres que en Portugal creáronse 6.000 empregos nese mesmo sector. Non é casualidade. É unha estratexia, hai moitas empresas de aquí que xa deron o salto ao norte de Portugal. As empresas principais tamén lles obrigan a iso ás auxiliares para poder continuar sendo competitivas.

– Os anos de crise puxeron en bandexa a desculpa para poder proceder a este tipo de actuacións?

O sector estase a precarizar moito en canto a condicións laborais. Coa desculpa da competitividade válelles calquer cousa. E hai cuestións que nos preocupan moito, como que PSA Citroën en Vigo vaia camiñando cada vez máis cara a ser unha empresa de síntese, como acontece por exemplo en Navantia. Que fique sendo un centro para a dirección e deseño mais que todo o que sexa produción, fabricación se externalice e fóra de Galiza.

Fanse contratos xa non de 40 horas senón de 30 ou 28 horas á semana para exprimir ao máximo ao traballador, que produza ao máximo nivel, e saben que 40 horas a ese ritmo non hai deus que aguante.

– De todo este escenario que se creou nestes anos sinalades responsábeis. Un deles, PSA Citroën mais tamén o Cluster da Automoción

E que consideramos que aí, no Cluster, é onde se toman e impulsan este tipo de políticas. PSA Citroën é a que manda, está claro, mais o Cluster ampara e estende todo iso. Apostan en dividir, en fragmentar… Así temos empresas con dupla escala salarial dentro, con categorías de entrada…

– Unha cuestión na que incidides é no que afirmades que é un ritmo de produción inhumano

É que o levan ao extremo. Aumentaron moito os ritmos de produción e iso repercute, claro, ten consecuencias sobre os traballadores. Fanse contratos xa non de 40 horas mais de 30 ou 28 horas á semana para exprimir ao máximo ao traballador, que dé o máximo posíbel, producindo ao máximo nivel, sen tregua, e saben que 40 horas a ese ritmo non hai deus que aguante. Por iso menos horas. Tes que a xente traballa menos horas mais produce igual ou incluso máis. E por un soldo máis baixo que antes.

XESÚS MANUEL PIÑEIRO  – Sermos Galiza

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS