A oposición de Noia pide a dimisión do alcalde polos seus comentarios machistas


Tras unha xuntanza de urxencia o xoves entre os voceiros do PSdeG, Marea Cidadá de Noia e BNG, as tres formacións decidiron reclamar a marcha do rexedor.

Toda a oposición en Noia pediu este venres a “inmediata dimisión” do alcalde de Noia, Santiago Freire, logo dos comentarios machistas que intercalou no discurso institucional co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora. Tras unha xuntanza de urxencia o xoves entre os voceiros do PSdeG, Marea Cidadá de Noia e BNG, as tres formacións decidiron reclamar a marcha do rexedor ao considerar que “amosou non ser digno para permanecer no cargo nin representar a sociedade noiesa nin os seus valores”.

“Amosou non ser digno para permanecer no cargo nin representar a sociedade noiesa nin os seus valores”, di a oposición

Nun comunicado conxunto, os tres partidos lamentan “profundamente” que Noia se “dese a coñecer a nivel estatal” por ter un alcalde que “durante o acto de homenaxe á muller fixo gala de expresións de contido machista, alimentando deste xeito un fenómeno que leva segado a vida de vinte mulleres polo sinxelo feito de selo”.

Concentración pola dimisión do alcalde de Noia

ón do alcalde polos seus comentarios machistasAdemais, PSdeG, BNG e Marea anunciaron que solicitarán a celebración dun pleno extraordinario para reprobar a actitude do alcalde a nivel institucional. Entenden que as súas “manifestacións e comportamentos de contido machista deben ser reprendidos con dureza, especialmente cando estes proveñen de representantes públicos, aos que se lles debe esixir exemplaridade no seu comportamento, máxime cando están actuando no exercicio do seu cargo”.

Un grupo de escolares reclamou tamén a dimisión do alcalde ás portas da Casa do Concello

Por outra banda, neste mesmo venres, un grupo de alumnos de centros de secundaria de Noia concentráronse espontaneamente ás portas da Casa do Concello esixindo tamén a dimisión do alcalde. A esta solicitude, que xa fixera onte o voceiro de En Marea, Luís Villares, sumouse tamén Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, que considera “incomprensible” que o presidente da Xunta non teña pedido a dimisión do rexedor.

Ana Pontón reclama a Feijóo que pida a renuncia do rexedor e di “non entender” por que non o fixo xa

“No Bloque defendemos tolerancia cero co machismo institucional e non entendemos como o señor Feijóo non está pedindo a dimisión ao alcalde de Noia, porque é intolerable para a defensa da igualdade das mulleres que o machismo siga presente, campante e se exprese con tanta claridade desde unha desde unha institución como a que lle escoitamos ao alcalde do PP”, reclamou Pontón, que reclama a destitución do rexedor, como tamén fixo EU-Barbanza.

Desde o PSdeG, a portavoz de Política Social do grupo do PSdeG na Cámara considera “moi pobres” as desculpas do alcalde e cre que “se o que explica que o que dixo foi porque intentaba admirar ás mulleres, o problema é aínda moito máis grave”; un “macromachismo” que “só serve para faltar á dignidade e máis cando vén dun representante público”, aclarou.

O alcalde de Noia realizou os comentarios machistas no acto institucional que na localidade se realizou co gallo do Día Internacional da Muller Traballadora. Santiago Freire (PP) introduciu tres chistes contra as mulleres “-é o chiste fácil”, dixo ao momento”- no medio da súa intervención ante a sorpresa de moitos dos presentes. “A muller é capaz de sangrar sen cortarse; a muller é capaz de dar a luz sen corrente; a muller é capaz de tocar as narices sen achegarse”, asegurou.

Ademais, tamén asegurou que “son moitas as dificultades fisiolóxicas que [a muller] ten con respecto ao home, que en ocasión fai que ese traballo que teñen que facer de forza físcica se lle complique”. Ao día seguinte, e visto o balbordo, o rexedor pediu “perdón” nun comunicado ás “persoas que se sentisen ofendidas”. “Non teño ningún problema en pedir perdón porque o que dixen foi desafortundado”, asumiu o alcalde de Noia, que aclara que a súa intención “non era ofender a ninguén e moito menos menoscabar a dignidade das mulleres”.

 

Categorías
PolíticaXéneros e Sexualidades

RELACIONADAS