A cultura galega viaxa a Bruxelas para Tornar visível a precariedade do sector

Unha delegación de 65 persoas da cultura galega viaxa a Bruxelas para facer visible a situación do sector
Parlamento Europeo - Pixabay

> Santiago, Cronica3.

Unha delegación formada por 65 persoas pertencentes ao sector cultural galego desprazaranse esta semana a Bruxelas para visibilizar a situación da cultura galega e denunciar que, “por ignorancia ou desinterese” das diferentes institucións, a nosa cultura está sendo “agredida” ao igual que “está sendo agredida a idea dunha Europa dos pobos, xusta e solidaria”. Así van explicarllo ás representantes da Comisión Europea, que recibirán á delegación galega dentro do Parlamento Europeo, no marco dunhas xornadas de exposición e debate organizadas pola eurodeputada Lídia Senra, representante de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

A delegación que este martes partirá cara a Bruxelas estará formada por persoas dos diferentes eidos da cultura galega, como poden ser do ámbito musical a cantante Uxía Senlle xunto con Santi Cribeiro, Sergio Tannus e Isaac Palacín, o músico de jazz Abe Rábade e varios representantes da Asociación Músicos ao Vivo; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; Luís Avilés e César Souto, os directores do documental galego “Os días afogados”, nominado aos Premios Goya 2017; escritoras e escritores como Chus Pato, Xabier Cordal, Teresa Moure ou Oriana Méndez; membros da Asociación Galega de Editoras; persoas do ámbito teatral como a presidenta de Escena Galega, Belén Pichel, ou o dramaturgo e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual; representantes da danza como Ruth Balbís; da comunicación, como Camilo Franco ou María Yáñez; do circo, como Belem Brandido; creadores de videoarte e pintura como Alberto Ardid ou o colectivo Fiinda; membros de asociacións culturais como Senunpeso e Papaventos de Vedra, Xermolos de Guitiriz, de diferentes colectivos de Muimenta, da Chave das Noces de Castroverde; da Fundación Uxío Novoneyra, directivos da Sociedade Antropolóxica Galega e de Mariña Patrimonio e SOS Arte Rupestre Galega; así como xestores e críticos culturais e as deputadas de En Marea no Congreso do Estado español, Alexandra Fernández, e no Parlamento Galego, Ánxeles Cuña e Luca Chao.

As actividades dentro desta misión a Bruxelas comezarán xa este martes pola tarde, cunha gala de benvida no Centro Galego de Bruxelas La Tentation, no que baixo o título “Europa, capital Galiza”, a partir das 18:00 horas, se sucederán diferentes presentacións e actuacións artísticas galegas, nun evento aberto ao público que desexe asistir e sen entrada de pago.

Xa o mércores iniciaranse as xornadas de debate e reivindicación no Parlamento Europeo, que se prolongarán durante todo ese día e até o xoves ao mediodía. En diferentes mesas nas que se abordará a situación que atravesa a creación e distribución cultural galega, os dereitos da cidadanía a acceder á cultura e o dereito das e dos traballadores a vivir disto, a produción en lingua galega, a cultura de base, o patrimonio cultural, e tamén haberá tempo para intercambiar impresións con persoas de experiencias culturais doutras nacións sen Estado como son o País Vasco ou Irlanda.

O grupo de AGEe, en estreita colaboración con persoas do sector cultural galego, leva tempo traballando na organización desta viaxe a Bruxelas e ao Parlamento Europeo. En palabras da eurodeputada Lídia Senra, “a cultura galega está sendo actualmente sometida a un baleirado económico e está sendo desprezada por parte de poderes neoliberais que en lugar de apostar por ela e de apoiar a riqueza cultural dunha nación como Galiza parecen estar máis polo seu afogamento e pola uniformidade”. Neste sentido, a europarlamentaria critica que o Goberno da Xunta teña reducido nos últimos catro anos un 44% os seus orzamentos destinados a cultura e reclama que se protexa o patrimonio cultural galego, así como que se garanta que as traballadoras e traballadores do sector cultural galego poidan ter unha vida digna, para acabar con situacións como que o 60% dos actores e actrices da Galiza e o 89% de bailaríns viven por debaixo do umbral da pobreza. Lídia Senra agarda que a misión desta semana en Bruxelas sirva para facer visible a alarmante situación na que se atopa a cultura galega, estudar posibles iniciativas de defensa a levar a cabo a partir de agora e que na UE coñezan de primeira man a realidade.

Categorías
Cultura

RELACIONADAS