A construtora que destruíu un xacemento arqueolóxico na costa de Lugo será indemnizada

O Supremo recoñécelle o dereito a ser compensada por non poder completar a construción dunha urbanización tras o achado arqueolóxico, moi danado polas obras.

Promocións San Ciprián, S.L., impulsora da urbanización cuxas obras destruíron en 2007 unha parte importante do Castro da Atalaia (Cervo, Lugo), será indemnizada pola paralización dos traballos e a consecuente “redución do aproveitamento urbanístico”. O Supremo acaba de atender a súa reclamación, despois que o pasado ano a Tribuna Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimase esta petición. Complétase así un auténtico despropósito legal, administrativo e político nado en plena burbulla inmobiliaria e que acabou danando de forma irreversible un valioso xacemento.

Manuel Miranda, portavoz de Mariña Patrimonio, unha das entidades que no seu momento denunciou estes feitos, cualifica de “escandaloso” o conxunto do proceso que acabou na destrución do castro, cheo de “irregularidades”. Miranda sinala as responsabilidades que no sucedido teñen tanto o Concello de Cervo, que concedeu as licenzas de construción, como a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, por non protexer o castro con anterioridade. E alerta de que o pago desta indemnización, que deberá abonar Patrimonio, pode detraer recursos económicos que servirían para protexer outros elementos ameazados.

O 29 de setembro de 2005 documentouse o descubrimento dos restos dun castro no lugar de Punta Atalaia (San Cibrao, Cervo), inscribíndose o achado no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos e sendo comunicado ao Concello de Cervo. Nos dous anos seguintes, nun momento no que a febre construtora no litoral chegara con forza á Mariña lucense, a empresa Promociones San Ciprián, S.L. comprou tres parcelas no lugar co obxectivo de levantar tres edificios de 42, 32 e 26 vivendas, para os que o Concello de Cervo outorgou as pertinentes licencias. A Dirección Xeral de Patrimonio (que recibira unha denuncia anónima) mandou paralizar as obras, pero as autoridades municipais tardaron cinco días en comunicarllo á construtora, que destruíu unha superficie de ao redor de 1.600 metros cadrados de valiosos restos arqueolóxicos. As pedras foron retiradas en camións até un vertedoiro próximo, onde os técnicos de Patrimonio as inventariaron, constatando o seu valor. Unha vez danado o castro, Cultura permitiu continuar as obras, coa condición de que a promotora presentase un proxecto arqueolóxico para a escavación da zona non afectada. Con todo, a construtora ignorou esta petición, continuando cos traballos sen sequera comezar a cata do resto do xacemento.

En 2009, un informe da Delegación Provincial de Cultura constatou que tanto o Concello como a Xunta eran coñecedores da existencia dun castro nese lugar desde o ano 2005, e criticaba que o Goberno galego había tardado dous anos en aplicar a debida protección, pero sobre todo denunciando que o Goberno local había concedido as licenzas de obra a pesar de que o lugar figuraba no catálogo da PXOM como xacemento arqueolóxico. En 2010 Patrimonio ditaminou o deber para a construtora de conservar in situ os restos atopados, así como a adopción de medidas adecuadas de protección para evitar a degradación dos restos, algo que a promotora non cumpriu.

Estes obstáculos e a propia crise do mercado inmobiliario paralizaron de facto as obras, quedando en pé apenas o esqueleto dun dos edificios, recoñecéndose a primeira ollada no resto do solar, desprotexidos, algúns dos elementos que conformarían o castro, que pode constituír -segundo Mariña Patrimonio- uno dos máis importantes do norte peninsular. A presión de Mariña Patrimonio e da organización ambientalista Adega conseguiu que en 2011 a Xunta actuase para protexer os restos, tapándoos para evitar a súa degradación.

A promotora decidiu nese momento presentar unha reclamación de responsabilidade patrimonial contra a Consellería de Cultura por un valor de 4,4 millóns de euros, atendendo ao valor do terreo, á redución do aproveitamento urbanístico, ao lucro cesante e ao custo das obras xa realizadas. O TSXG desestimou en 2015 esta petición, pois “o propietario do chan ten o deber xurídico de soportar esas limitacións do seu dereito de propiedade”, sinalando ademais que “o deber de realizar a intervención arqueolóxica viña imposta desde o momento en que consta no expediente administrativo, desde o 29 de setembro de 2005 que se comunicou a aparición de restos arqueolóxicos (…) e sobre todo e moito máis cando xa no primeiro solar propiedade da actora atopáronse vestixios e paralizouse a obra que logo foi de novo autorizada”.

Fronte á rotundidade da sentenza do TSXG, o Supremo prioriza o feito de que a promotora contase cunha licenza de edificación legalmente outorgada polo Concello: “A licenza incorpora ao patrimonio do seu titular o dereito a edificalo nos termos nela autorizados (…) A recorrente tiña as pertinentes licencias cando se descubriron os primeiros vestixios arqueolóxicos con ocasión do movemento de terras no solar contiguo, tamén da súa propiedade, por iso a imposibilidade de executar os proxectos, sen outra solución alternativa, comporta a privación dun dereito”. A sentenza ordena o pago dunha indemnización pola redución do aproveitamento patrimonializado nas licenzas, así como o reintegro dos gastos satisfeitos polos proxectos, licenzas e promoción inmobiliaria, pero non recoñece o reclamado pago polo “lucro cesante”. O ditame non fixa unha indemnización precisa e indica que a cantidade final “concretarase en trámite de execución de sentenza de acordo aos parámetros establecidos”.

Categorías
Cultura

RELACIONADAS