A CIG renova a páxina web para dar máis pulo á loita obreira na rede

A central presenta este luns 7 unha web redeseñada en estética e funcionalidade, trasladando o dominio a "cig.gal"

Froito de meses de traballo, a CIG estrea este luns 7 de novembro unha páxina web completamente redeseñada tanto no aspecto estético como en funcionalidade, procurando fortalecer a “fiestra da central na rede” que constitúe o diario dixital Avantar. A remuda, baseada nos eixos da accesibilidade e simplicidade, contempla novos servizos e apartados, un completo centro de documentación e un buscador de convenios, entre outros.

A central traslada ao novo dominio “CIG.gal” o seu diario dixital e páxina web central, redeseñadas a tal efecto, co obxectivo de mellorar a efectividade comunicativa tanto coa afiliación como coa clase traballadora en xeral nun contexto de grande concorrencia informativa.

Neste sentido, mellórase e simplifícase o acceso aos contidos e información de servizo da central, tal e como a estrutura organizativa, directorio de contacto, mapa de locais, resultados das eleccións sindicais en forma de gráficos, así como formularios descargábeis, unha utilidade de afilación en liña, un calendario de eventos ou un buscador de convenios.

Queremos involucrar a base militante da CIG na difusión de mensaxes alternativos á hexemonía mediática do empresariado

A nova web disponibiliza, tamén, un completo apartado de documentos, con buscador incorporado e visualización en liña, así como o acceso aos materiais de propaganda da central, como publicacións, cartaces e panfletos. No apartado multimedia agora será máis doado ca nunca a pesquisa de galerías de fotos nunha base de datos que parte de 2008, coa posibilidade de descargar as imaxes de xeito individual. A sección de vídeo mellora, así mesmo, a presentación, algo que sucede tamén coa de opinión.O redeseño do apartado de novas, pola súa banda, contempla tanto a capa principal -que ofrecerá agora diferentes posibilidades para o destaque de noticias- como a maqueta de cada peza, procurando unha maior facilidade na lectura, cohesionando mellor o corpo cos materiais gráficos e audiovisuais e incorporando destacados e noticias relacionadas. Tamén se potencia a integración coas redes sociais, simplificando a partilla en facebook, twitter e whatsapp. A visualización adáptase, asemade, a calquera dispositivo móbil ou tablet.

Desde a secretaría confederal de comunicación e propaganda enmárcase esta remuda nun proceso máis amplo que involucre a base militante da CIG na difusión de mensaxes alternativos á hexemonía mediática do empresariado, así como no combate ao silenciamento ou mesmo a criminalización á que moitas veces se somete a loita obreira.

CIG

Categorías
Clase Obreira

RELACIONADAS