A APDHA acusa a Policía e Garda Civil de “Vexacións e Acoso” a Carrexadoiras

NA FRONTEIRA MARROCOS-CEUTA

A Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía (APDHA) rexistrou no Congreso dos Deputados a súa análise sobre a intolerábel situación das mulleres que transportan mercadorias entre Marrocos e Ceuta e entregou aos grupos parlamentares o relatorio Respecto e Dignidade para as Mulleres Marroquís que portan Mercadorías na Fronteira de Marrocos e Ceuta.

Estas actuacións forman parte da campaña Porteadoras: La injusticia a la espalda (“Carrexadoras: A Inxustiza Ás Costas”) que desenvolve a APDHA para denunciar as condicións deningrantes en que estas mulleres traballan, sometidas a diario a “vexacións, abusos, trato degradante e, mesmo, acoso sexual ás máis novas, por parte dos corpos de seguranza a ambos os lados da fronteira”, engadindo que xa “son catro as mulleres mortas en avalancha na fronteira de Ceuta e numerosos as feridas. “O Goberno tolera esta situación eludindo a súa responsabilidade, queremos que se investigue”, denuncia a organización.

Para a APDHA, a solución pasa necesariamente polo recoñecemento dos dereitos laborais das persoas que se dedican ao carretaxe, e por tanto, pola regulación como actividade laboral. Ademais, destaca a importancia de que no deseño desas solucións participen as propias carrexadoras, de maneira que poidan facer valer os seus dereitos.

“As mercadorías e os intereses económicos non poden estar por encima das persoas e é o que vén acontecendo desde hai anos”.  A Universidade de Granada publicou a investigación titulada Estudio sobre el Régime Económico y Fiscal de Ceuta, que cifra en máis de 400 millóns de euros os beneficios da carretaxe en Ceuta. “Preto da metade das exportacións saen da cidade autónoma ás costas das carrexadoras”, critican desde a entidade.

A Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía describe como estes beneficios se sosteñen “á conta dos dereitos humanos destas mulleres que no verán esperan moitas horas ao sol na praia do Tarajal, sen acceso a auga potábel nin a baños públicos e sen sombra que as acubille da intensa calor”.

Ante a imposibilidade de tolerar por máis tempo esta situación,  a organización proponse levar as súas demandas até o Parlamento Europeo para que se garanta, “dunha vez por todas”, o respecto aos dereitos humanos das mulleres carrexadoras nas fronteiras de Ceuta e Melilla.

Reaccións da Garda Civil e a Policía

Varias asociacións policiais reaccionaron de inemediato diante das acusacións da APDHA. A Asociación Unificada de la Guardia CIvil reclama que “se deixe de atacar sempre o elo máis débil, quer dicir, ás Forzas e Corpos de Seguranza do Estado”. Pola súa banda, a Unión Federal de la Policía ameaza a APDHA con emprender accións xudiciais se non rectifica.

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS