A abstención da Marea permite ao BNG aprobar os orzamentos en Pontevedra

A abstención dos dous concelleiros da Marea, unidos aos votos a favor do BNG, permitiron ao goberno local sacar adiante as contas
© Mónica Patxot / pontevedraviva.com

Todo quedou finalmente en nada. Nin houbo cuestión de confianza nin os orzamentos municipais foron rexeitados en Pontevedra. A abstención dos dous concelleiros da Marea, unidos aos votos a favor do BNG, permitiron ao goberno local sacar adiante as contas logo de que aceptase as seis emendas que a formación que lidera Luís Rei formulou in voce no pleno celebrado este venres.

O goberno local aceptou incluír as propostas formulas ‘in voce’ pola Marea, que optou pola abstención

Nun longo e agardado debate, o Bloque aceptou que ao orzamento se engadan xa catro das seis iniciativas solicitadas por Rei durante o pleno. “Do que aquí se nos responda dependerá o sentido do voto”, advertiu o voceiro da Marea, que pediu a elaboración dun estudo sobre as potencialidades da economía social e o sue fomento, completar a reforma urbana da rúa Cruz Vermella ou a construción dun centro cívico en Lourizán. O BNG aceptou incluír esas e incorporar as dúas restantes á primeira modificación de crédito que se realice, tras o compromiso do concelleiro de Facenda. Son a creación dunha renda social cun montante de 400.000 euros e o incremento dos recursos ao plan de transporte metropolitano. Os once votos de PP, PSOE e Ciudadanos non foron dabondo contra os 12 dos nacionalistas.

O primeiro modificativo de crédito incluirá a creación dunha renda social e máis recursos para o plan de transporte metropolitano

Desbloqueáronse así os orzamentos e o alcalde, Miguel Anxo Fernández-Lores, non se someteu finalmente á cuestión de confianza que anunciara no caso de que non sacase adiante as contas sen as emendas da oposición, que acordou outras postas en dúbida pola intervención tras o pacto entre PP, PSOE, Ciudadanos e a Marea. O rexedor aceptou incluír emendas sensatas logo de acusar a oposicion de exercer de levar a cabo unha “moción de censura encuberta” e de exercer de “perro del hortelano” por “non facer nin deixar facer”, ademais de acusalos de querer “esnaquizar as contas” pero “non atreverse a presentar unha moción de censura real”.

Desde a Marea, Rei tendeu a man ao BNG para “atopárense en políticas progresistas” e celebrou a “virada” do goberno en clave social. “Esperamos que esta nova actitude do Bloque, descoñecida ata agora, sirva para acordarmos cousas en beneficio das maiorías”, engadiu o seu voceiro, que ao anunciar a abstención da súa formación desbloqueou unha situación que parecía enquistada.

A Marea tende a man ao BNG para “atopárense en políticas progresistas”

Malia a súa chamada á “sensatez”, Lores recibiu duras críticas da oposición. O portavoz do PP, Jacobo Moreira, negou que houbese “pacto” entre os partidos opositores e acusou o BNG de pretender a “privatización” dos servizos municipais, ademais de acusar o goberno local de querer aumentar a nómina de asesores e pretender os contratos “a dedo”.

No PSOE, Agustín Fernández renegou duns orzamentos que “non son os mellores” e que nin tan sequera considera “de esquerdas” por “non dar resposta” aos problemas da cidadanía. Desde Ciudadanos, María Rey acusou ao executivo local de propoñer “pan e circo” aos pontevedreses e de non permitir “xerar riqueza” coas contas.

“Agora sabemos que quen manda en Pontevedra é o alcalde de Santiago”, quéixase o PP

Xa no final do pleno, e confirmado que as contas sairían adiante, o portavoz do PP referiuse á abstención da Marea e aludiu ao rexedor de Compostela, Martiño Noriega. “Agora sabemos que quen manda en Pontevedra é o alcalde de Santiago”, asegurou en referencia a unhas declaracións nas que chamando a un entendemento entre o BNG e as mareas.

Luís Rei defendeu a súa independencia respecto de En Marea e lembrou que os votos da súa formación “nunca farían alcalde a ninguén do PP” nin apoiarían como rexedor  unha persoa que contase co apoio dos conservadores. “Nin eu mesmo aceptaría ser alcalde cos votos do Partido Popular”, rematou.

praza.gal

Categorías
Política

RELACIONADAS