25 concellos lucenses lanzan un plan contra o eucalipto

Os órganos de xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño aprobaron este venres un plan contra o eucalipto e a prol dos castiñeiros

A Reserva da Biosfera Terras do Miño alerta da “ameaza con crebar o equilibrio ecolóxico dos montes” e promeverá a plantación de Soutos. A Xunta xa hai un ano que tamén anunciou restricións.

Os órganos de xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño aprobaron este venres un plan contra o eucalipto e a prol dos castiñeiros “que permiten un aproveitamento económico máis sustentable e mesmo máis rendible ca o eucalipto”.

Máquina cortando eucaliptos

Máquina cortando eucaliptos

O Plan inclúe un programa de sensibilización sobre “os efectos nocivos do eucalipto nos recursos hídricos” e a  promoción de alternativas económicas a árbore pirófila. Entre elas están  actividades de formación para profesionalizar a plantación de soutos de castiñeiros e outras especies arbóreas.

Tamén se aprobou unhas xornadas técnicas para estudar o impacto ambiental e económico da proliferación de plantacións de eucalipto na Reserva da Biosfera. En opinión da Reserva, o eucalipto segue a expandirse e “ameaza con crebar o equilibrio ecolóxico dos montes lucenses”.

O plan da Xunta non dá arrancado

Deste xeito outra administración dá novos pasos contra este especie. A Xunta tamén anunciou hai un ano un decreto para limitar a súa extensión, pero polo de agora non concretou as medidas. Segundo informou Campo Galego, tras todo este tempo a Xunta entregoulle ao sector unicamente un primeiro borrador do texto, que inclúe restricións ás plantacións.

Plantacións de eucalipto no norte da Península

Plantacións de eucalipto no norte da Península

O Goberno Galego tamén ten en marcha tamén programas de axudas para a reforestación do monte con outras especies. Con todo, a Consellería de Medio Rural acostuma a resolver as convocatorias nos últimos meses do ano, o que na práctica impide que moitas das plantacións se poidan facer e se perdan millóns de axudas, partes procedentes da UE.

A Pastoriza, Abadín, Alfoz, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara,  Lugo, Meira, Mondoñedo, Muras, O Corgo,  O Páramo, O Valadouro,Ourol, Outeiro de Rei, Pol, Rábade, Riotorto, Vilalba e Xermade son os concellos que forman parte na Reserva, que preside a Deputación de Lugo.

Apoio á protección do Pedregal de Irimia

Por outra banda, o órgano de participación de Reserva da Biosfera Terras do Miño vén de sumarse á campaña a prol da conservación do Pedregal de Irimia.

Situado na serra de Meira, o Pedregal de Irimia é un enclave hidrográfico de especial valor cultural, paisaxístico e xeomorfolóxico, que se atopa ameazado pola plantación de eucaliptais na súa contorna.

Reunión dos órganos de xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño

Reunión dos órganos de xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño
Categorías
Ecoloxía

RELACIONADAS