24N Greve estudantil; Nin revalidas, Nin LOMCE

Greve para Ensino Medio o 24 de Novembro convocada por Erguer, ANEGA e Acción Universitaria, contra a aplicación da LOMCE e das reválidas, que deixan totalmente desprotexido o estudantado de Secundaria...
Imaxe - erguer

Greve para Ensino Medio o 24 de Novembro convocada por Erguer, ANEGA e Acción Universitaria, contra a aplicación da LOMCE e das reválidas, que deixan totalmente desprotexido o estudantado de Secundaria e Bacharelato, vivindo nunha incerteza total sobre cales serán os contidos que entren nesta proba e como será a mesma.

Estamos ante unha lei imposta unilateralmente polo Partido Popular, na que aínda que aprobemos todos os cursos da ESO ou do Bacharelato, o que determinará se obtemos o título ou non será un único exame. Isto non contribúe á nosa formación e aprendizaxe, só a memorizar contidos para vomitalos nunha proba. Ademais, se a suspendemos, a nosa única opción é agardar un ano en branco para repetila ou o retroceso no sistema educativo.

A LOMCE está deseñada para dar maiores facilidades para estudar ás elites, apoiando as axudas públicas a centros privados, incluso a aqueles que segregan o alumnado por cuestión de xénero. De feito, este curso 2016-17 xa comeza con 84 centros públicos menos e 38 privados máis.

Con esta lei, a materia de Relixión computa para a media, e o alumnado que a cursa pode ter máis facilidades no acceso á universidade ou mesmo a unha Bolsa ou axuda que aquel que non o fai. Ademais, a LOMCE estabelece un sistema de combinacións de horas na escolla de materias que deixan o estudantado de Bacharelato moitas veces sen máis opción que a de escoller a Relixión para poder facer cadrar o seu horario.

É tamén unha lei que ataca a nosa lingua, xa que con ela as horas impartidas en galego diminúen. Pretende españolizar o noso ensino ao devolver competencias educativas ao goberno do Estado, que será o encargado de fixar os contidos das distintas materias, vetándonos o coñecemento da nosa historia e cultura propias como galegas e galegos.

A LOMCE deseñouse plenamente de costas á comunidade educativa galega, e tanto o profesorado e as familias coma o alumnado amosamos en repetidas ocasións o noso rexeitamento á mesma. É algo do que o goberno da Xunta e do Estado son conscientes, e precisamos seguir a exercer esa presión social para derrubar esta lei de educación. O próximo 24 de novembro baleiraremos as aulas de ensino medio e sairemos ás rúas para esixir a paralización da LOMCE neste curso e a súa final derrogación, na defensa dun ensino público, galego, feminista, democrático, de calidade e pensado por e para o noso país.

erguer

Categorías
Dereitos Sociais

RELACIONADAS